“Somos rurais“: As nenas e nenos queren máis xogo libre!

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Nos meses de xullo e agosto tivo lugar o campamento rural de Lodoselo, repartido en catro quendas e coa participación de máis de 120 nenas e nenos. Trátase dunha actividade enmarcada no programa “Concilia Rural“ do CDR O VISO a través da cal se posibilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Pero, sobre todo, o campamento de Lodoselo é o “verán na aldea“ para moitas nenas e nenos  que poden vivir alí as sensacións e experiencias do noso rural en propia pel.
Máis alá da diversidade de actividades e obradoiros que se levaron a cabo, cremos que o éxito educativo do noso campamento é confiar na infancia e defendela. Nenas e nenos  teñen todo o noso respecto e participan en tarefas da vida cotiá con gusto, porque o que máis lles prace despois de xogar é facer cousas de verdade, cousas reais, traballos útiles. Por iso gozaron sacando as ovellas, alimentando as ocas e os patos, acompañando ás persoas maiores ó centro cada mañá, regando as plantas da vivenda, facendo o pan no forno de leña, pintando un mural colectivo, coidando e paseando á burra Terra… Presta moito facer un xabón coa lavanda seca que recollemos a semana anterior, ou facer unha marmelada cos mirabeis (ameixa mirabel) que trouxemos da horta do centro e que, ó día seguinte, poden probar no almorzo coa súa familia; ese sabor é insuperable!
En Lodoselo as nenas e nenos son tidos en conta nos traballos e na vida, por iso non é de estrañar varrer o patio e arrincar as herbas para a festa do 15 de agosto, dar unha alborada, cortar o pan reseso  para os animais, amasar galletas para merendarmos ou preocuparse de que a Muma e o Eo estean ben. Pero tamén é habitual velos subindo ás pedras, correndo polo campo da Lama ou agochándose debaixo dun carballo. Porque xogar é o mellor xeito de aprender, de comunicarse e de relacionarse, e ademais é un pracer (e un dereito).
E aínda que poñemos todo o noso empeño en respectar as súas necesidades, en escoitalos e en que participen nas decisións… o certo é que cando lles preguntamos que lles pareceu o verán en Lodoselo, a avaliación da maioría deles foi moi positiva, pero que tiveron pouco tempo para xogar! Outra lección aprendida. Temos que confiar aínda máis na infancia e deixarnos levar por ese instinto natural que eles conservan intacto: aprender con pracer, xogando, rindo e con calma.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Feliz outono e que de hoxe nun ano!

Esta actividade está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.