O grupo municipal socialista recorrerá a Valedora do Pobo ante a ocultación de información sistemática do goberno de Jácome que segue sen dar resposta a centos de preguntas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

“O bloqueo e obstrucionismo é evidente en asuntos de Persoal, Seguridade Cidadá e en obras, proxectos e facturas co único fin de evitar a fiscalización e tapar as súas vergoñas e chapuzas”, destaca a voceira do PSdeG, Natalia González

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A misiva á defensora dos dereitos dos e das galegas ten como obxectivo que se dea resposta as solicitudes rexistradas por parte dos e das socialistas, así como a preguntas que formularon nas distintas Xuntas de Área, e mesmo no Pleno, dende que comezou o mandato

Ourense, 28 de setembro de 2024. O grupo municipal socialista do Concello de Ourense busca amparo na Valedora do Pobo ante os “centos” de preguntas e peticións de información que realizaron ao actual executivo de Gonzalo Pérez Jácome e continúan sen resposta. “O bloqueo e obstrucionismo é sobre todo evidente en asuntos de Persoal, Seguridade Cidadá e en obras, proxectos e facturas co único fin de evitar a fiscalización e tapar as súas vergoñas e chapuzas”, destaca a voceira do PSdeG, Natalia González.

A misiva á defensora dos dereitos dos e das galegas ten como obxectivo que se dea resposta as solicitudes rexistradas por parte dos e das socialistas, así como a preguntas que formularon nas distintas Xuntas de Área, e mesmo no Pleno municipal, dende que comezou o mandato.

A información relativa aos incidentes dos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno en materia de tráfico e seguridade viaria tampouco foi remitida pese a reclamarse por diversas vías. Así como a solicitude de apertura de expediente ao Coordinador Xeral do Concello de Ourense (realizada en decembro de 2023 ante a decisión de seguir adiante coa tramitación do expediente dos bonos de 100 euros pese ao informe de Intervención no que se avisaba da ausencia de retención de crédito suficiente para elo).

No eido económico continúan advertindo dende o grupo socialista do escurantismo e ocultación de información relevante como facturas adebedadas polo Concello de Ourense ou a “chapuza das obras do Tinteiro”, sobre as que pediron explicacións que a día de hoxe seguen sen facilitarse.

Recentemente, e ante a decisión do alcalde de non permitir oficiar ceremonias civís aos e ás representantes públicas da oposición, reservándose ese dereito exclusivamente para el, as e os socialistas presentaron un recurso potestativo de reposición que aínda continúa sen resposta.

E a lista exténdese máis: en materia de Persoal, sinalan que nada se coñece sobre os motivos que alega o rexedor para non publicar o seu salario e declaración de bens, nin sobre os expedientes das bases de estabilización de emprego ou os relativos a postos afectados pola caída do capítulo I.

Tamén solicitaron as e os edís do PSdeG acceso a expedientes –como o de rehabilitación da Chavasqueira, o hotel-balneario das Caldas, o parque acuático termal, o Plan Rexurbe, as compras realizadas de mobiliario para o edificio de Urbanismo, o traslado do Centro de Información Municipal á Muller (CIMM), o aparcadoiro da rúa Dalí, a rehabilitación da cadea vella ou o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)– e memorias –como o das actividades da Policía Local, Benestar Social e outros servizos–.

“Transcorrido xa case un ano nalgúns dos casos, vémonos na obriga a recorrer á mediación da Valedora do Pobo, co fin de desbloquear esta situación que se segue agravando no tempo e entorpece, de xeito sistemático, o noso labor de oposición en asuntos transcendentais para o funcionamento municipal”, expón a voceira dos e das socialistas.

A todo isto é preciso engadir o feito de que dende a Alcaldía non se están a trasladar todos aqueles convites de entidades da cidade ou asociacións de veciños ao grupo municipal socialista. Tampouco aqueles que reclaman expresamente a súa extensión ás e aos concelleiros da oposición.