A Federación de Comercio de Ourense, en colaboración coa Federación Galega, puxo onte en marcha en toda Galicia a primeira fase da campaña “Merca no teu comercio”, que se extenderá ata o día 20 de outubro en toda a provincia de Ourense e na que no caso do Carballiño participarán nun total de 73 establecementos integrados no Centro Comercial Aberto. O obxectivo principal desta iniciativa é fomentar as vendas e poñer en valor e promocionar as compras nos comercios de proximidade da provincia, ademais de premiar a fidelidade dos clientes. Todas as persoas que merquen algún artigo nestes locais da vila poderán tomar parte no sorteo dun total de 50 premios de 200 euros para que poidan facer máis compras nos sues comercios de confianza, un sorteo que se celebrará o día 22 de outubro.
Ademais, os participantes aínda teñen a opción de conseguir un bono de 1.000 euros que se sorteará entre os asistentes á gala de entrega de premios, que terá lugar o 30 de outubro dende as 7,30 da tarde no Auditorio Manuel María. As persoas que desexen optar a estes premios só teñen que rexistrar a súa compra na web da campaña www.mercanoteucomercioourense.com subindo unha foto do seu ticket de compra, de xeito que cantos máis tickets aporten, máis posibilidades terán de gañar.
A asociación Centro Comercial Aberto do Carballiño leva a cabo ao longo do ano unha media de 11 campañas de promoción propias e colabora noutras catro campañas organizadas pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, ademais de participar na organización doutros eventos como a Ruta das Tapas, o Día da Bici, galas de patinaxe de Aehde, mostras fotográficas de O Potiños, grupo de teatro Tiruleque e espectáculos dos clubes deportivos, entre outros.