As e os edís veñen de solicitar, novamente, acceso aos informes que xa reclamaron, sen obter resposta por parte do executivo local, en reiteradas ocasións con anterioridade tanto por escrito como nas Xuntas de Área
“O goberno municipal non pode seguir a fuxir da transparencia, do diálogo e do consenso político para sacar adiante un proxecto fundamental para o desenvolvemento urbanístico e o futuro da cidade”, sosteñen
Ourense, 2 de outubro de 2024. Dende o grupo municipal socialista do Concello de Ourense esixen a “convocatoria urxente da Comisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal e o acceso urxente a toda a documentación do expediente que, no día de hoxe, o goberno de Gonzalo Pérez Jácome afirma que remitirá á Xunta de Galicia”.
As e os edís veñen de solicitar, novamente, acceso aos informes que xa reclamaron, sen obter resposta por parte do executivo local, en reiteradas ocasións con anterioridade tanto por escrito como nas Xuntas de Área. “Levamos meses e anos pedindo ver a documentación sobre o suposto agora documento definitivo e non se nos facilitou”, denuncian.
“O goberno municipal non pode seguir a fuxir da transparencia, do diálogo e do consenso político para sacar adiante un proxecto fundamental para o desenvolvemento urbanístico e o futuro da cidade”, conclúen ante a nova que se publica na páxina web do Concello de Ourense.