BNG urxe o Goberno mellorar a accesibilidade e a seguranza viaria na N-120 ao seu paso por Quintela de Canedo, en Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Néstor Rego visita o tramo urbano ourensán e reúnese coa veciñanza da zona para escoitar as súas reclamacións

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O BNG avanza o rexistro de iniciativas para que o Ministerio de Transportes acometa as actuacións necesarias para o calmado do tráfico

Madrid, 3 de outubro de 2024. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia durante a visita a Quintela de Canedo, no termo municipal de Ourense, o rexistro de iniciativas para reclamar ao Ministerio de Transportes as actuacións necesarias para mellorar a accesibilidade e a seguranza viaria da N-120 neste punto. Após un encontro coa veciñanza da zona, Rego insta o executivo a declarar Quintela de Canedo como tramo urbano e a incorporar novos pasos de peóns e sistemas semafóricos que contribúan a calmar o tráfico, tal e como demanda a veciñanza.

O grupo municipal do BNG encabezado polo seu portavoz, Luís Seara, e o deputado no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, acompañaron o deputado nacionalista no Congreso durante a súa visita a Ourense. Após un encontro con representantes da Asociación de Veciñas e Veciños de Quintela de Canedo, Néstor Rego anunciou o rexistro de iniciativas para mellorar a accesibilidade e seguranza viaria na N-120 ao seu paso por este núcleo do concello ourensán.

“A veciñanza leva anos reclamando a mellora da seguranza viaria no tramo urbano da N-120 ao seu paso por Quintela de Canedo. Trátase dunha estrada que acumula unha grande densidade de tráfico e na que, debido ao desenvolvemento urbanístico dos últimos anos, fóronse instalando grandes almacéns e naves con distintos usos que converteron esta zona, anteriormente rural, nunha industrial” sinala o deputado do BNG no Congreso. Así mesmo, Néstor Rego explica que a zona de Quintela de Canedo ocupa a categoría de chan urbano consolidado dentro do PXOM de 1986 que actualmente está en vigor.

Unha das demandas veciñais, sinala Rego, é a instalacións dun maior número de pasos de peóns no tramo para “permitir que a veciñanza poida atravesar a estrada de maneira máis segura e moito máis cómoda” xa que, na actualidade, a distancia entre un e outro paso é de 700 metros. Ademais, “tampouco existe a posibilidade de atravesar a estrada entre os tramos que discorren pola zona residencial na N-120 nin na OU-520 xa que en ambos casos non existen pasos de peóns”.

“O tramo da N-120 que pasa por Quintela de Canedo cumpre os requisitos que fixa a Lei para que pase a ser considerado tanto tramo urbano como travesía polo que o Ministerio debe declarar esta condición e permitir, así, a implantación de melloras na seguranza viaria do núcleo e dar solucións ás reivindicacións históricas e máis que xustificadas da veciñanza” subliña o deputado nacionalista.