Xosé Carballido: “O viño do Pepucho”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xosé Carballido Presas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Coordinador da IRGADE

Cando o viño se vendía a granel e se despachaba en cuncas de porcelana branca, a unidade de medida era a chiquita que viña sendo una fracción indeterminada do cuartillo. O sistema métrico internacional tardaría en entrar no mundo do viño, e aínda hoxe perviven as olas e moios con litros e hectolitros.

José González, o Pepucho, reinventou o negocio paterno pasando de comercializar os xamóns en pezas a véndelo en lonchas, tan finas que mesmo parecían cortadas con raio láser, e tan exquisitas que pronto, o Mesón do Xamón do Carballiño, converteuse nun referente deste suculento manxar. Cambiou a xerra de porcelana pola botella e a cunca polo vaso acristalado que permitía tamén gozar coa vista da transparencia, limpidez e brillantez dos brancos do Ribeiro.

Coa valentía emprendedora que o caracterizou, deu outro paso arriscado, pero decidido: poñer a dispor da clientela, un «Branco Especial» que vendía exactamente polo triplo do prezo do branco “corrente”. Quen vai pagar a chiquita a prezo de tres, nunha vila que bebía cantidades navegables de Ribeiro, preguntabamos inxenuos os que andabamos de bares, sen pensar por un momento do éxito comercial que pronto acadou, e que lle permitiría lanzarse a elaborar o seu propio viño. Nos anos oitenta compra a antiga Casa Grande de Lalón en Gomariz (Leiro) construída no ano 1204, e que foi propiedade do convento de Allariz, onde inicia un arduo e custoso proceso de reestruturación, incorporando as castes que lle permitiran seguir a elaborar ese «Branco Especial»: treixadura, albariño, torrontés e loureira. O seu oficio de hostaleiro quedaría en mans da familia que se encargarían de manter o listón ben alto no negocio, mentres o Pepucho acabaría dedicándose case en exclusiva á viña e a adega con verdadeira paixón.

O seguinte paso era etiquetar os seus viños: O “Viño do Pepucho” pasou a denominarse «Pazo Lalón»  e a converterse na marca de referencia familiar, introducíndose en mercados esixentes e acadando varios premios en distintos certames, catalogado en 2020 como o Mellor Branco de Galicia. Hoxe continúa a saga familiar con outras extraordinarias elaboracións como o exquisito «Eduardo Bravo»

A Asociación Álvaro das Casas ben de concederlle os Premios Bacelos de Prata a Adega PAZO LALÓN, xunto coa prestixiosa marca de iogures KALEKOI de Rodeiro. En ambos casos, por facer o etiquetado e dispoñer da páxina web en galego. Por que ademais de ter un bo produto, a etiqueta indica que tanto dentro como fora do envase  hai país. Cuestión de autoestima. Desde a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), os nosos parabéns.


Curriculum de Xosé Carballido

Enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago

Máster en Viticultura e Enoloxía

Ex-director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia

Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense

Ex-director xeral de Rehabilitación Urbana do concello de Ourense

Presidente da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

—————————————————————————————————

Outros artigos de Xosé Carballido

Xosé Carballido:” Agroecoloxía e outras modernidades “

Contrato co medio rural

Adeus, presidente

De macro-granxas e micro-prezos

Un tiro no pé

A etiqueta tamén importa.

O Movemento Veciñal e a Cultura

Tempo de vendima

O Gran Balneario de Ourense

A tarifa eléctrica

Terra agraria, a lei como instrumento”

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser