“É necesario que impulse o acordo para ese plan funcional entre o Concello de Ourense, os comerciantes e a propia Administración autonómica”, subliña a deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta
“Queremos que a Administración local e a autonómica se comprometan económicamente. E imos apoiar calquera operación orzamentaria para que remate a rehabilitación e acondicionamento do edificio”, engade a voceira no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez
Ourense, 5 de outubro de 2024. “O pasado mes de xullo debatíase no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que o goberno autonómico sacara adiante o plan funcional de distribución de postos da Praza de Abastos número 1 de Ourense”, lembra a deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta. Iniciativa que o Partido Popular rexeitou por entón votando en contra.
A proposición non de lei instaba ao executivo de Alfonso Rueda á adopción de todas as medidas oportunas orzamentarias e de desbloqueo urxente do proxecto estratéxico de rehabilitación integral do edificio e a súa contorna. “Agradecemos que agora rectifiquen, fagan caso á nosa proposta e o conselleiro de Emprego se aveña ás obras de distribución dos postos”, manifesta a socialista.
“Pero botamos en falta que a Xunta dea un paso máis. É necesario que impulse o acordo para ese plan funcional entre o Concello de Ourense, os comerciantes e a propia Administración autonómica. Así como que poña sobre a mesa cal vai ser o orzamento que vai adicar para executar, por fin, o traslado ás instalacións que levan anos pechadas”, incide.
Así as cousas, e logo dun proceso que xa se dilatou demasiado no tempo, subliña que “é preciso facer unha fronte común entre todos os partidos políticos e a cidadanía” para rematar a rehabilitación. “Pola contra, a situación será irreversible para os próximos anos e acabaremos cun edificio histórico abandonado, cunha zona de desenvolvemento urbano, turístico, termal e comercial paralizada e perderemos unha oportunidade única para Ourense”, sopesa.
Nesta mesma liña, a voceira do grupo municipal socialista e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González Benéitez, insistiu na urxencia de reactivar un proxecto que ten, dende hai demasiado tempo, aos praceiros e praceiras traballando nun espazo público, como é a Alameda, destinado ao lecer da cidadanía.
“A semana pasada, na Xunta de Voceiros do Concello de Ourense, xa avanzabamos o noso apoio para dar continuidade a unhas obras imprescindibles”, expón sobre a posición do PSdeG. “Queremos que a Administración local e a autonómica se comprometan económicamente. E imos apoiar calquera operación orzamentaria para que remate a rehabilitación e acondicionamento do edificio canto antes”, sostén.
Ademais, advirte tamén de que o plan funcional debe ser consensuado coas 3 partes e que non pode acontecer o mesmo que coa Comisión Municipal de Seguimento das obras, onde tiñan representación todos os grupos políticos pero que non foi convocada nos últimos anos por parte do actual executivo de Gonzalo Pérez Jácome. “Recentemente, foi creada outra por parte da Xunta de Galicia na que participan Concello, Xunta e praceiros que agradamos consiga chegar a consensos e ter en conta as necesidades dos traballadores e traballadoras”, remata.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta e a voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González: