Desde a formación nacionalista sinalan que pese a terse acordado ao inicio do mandato a súa celebración o primeiro mércores dos meses pares, o Goberno presidido por Luís Menor “incumpre sistemáticamente, o que impide o normal funcionamento destes órganos de representación popular e de control e fiscalización da acción de Goberno”
O Pereiro de Aguiar, 05 de outubro de 2024. O BNG do Pereiro de Aguiar a través do seu portavoz municipal Rubén García Fernández, denuncia os reiterados incumprimentos levados a cabo polo Goberno do Partido Popular durante o presente mandato no referido á celebración dos Plenos e das Comisións Informativas do Concello.
Segundo sinala Rubén García, “nos acordos acadados no Pleno de organización ao inicio de mandato, chegárase á decisión de celebrar os Plenos ordinarios os primeiros mércores dos meses pares, cousa que nunca ten acontecido”, e engade, “estes atrasos na súa celebración, aprazándoos a meses posteriores ou en datas moi diferentes, impiden o normal funcionamento destes órganos de representación popular, órganos que o son ademais de control e fiscalización da xestión de Goberno, dificultando esta labor á Oposición”.
No BNG entenden que “as ausencias do Alcalde debido a ostentar a Presidencia da Deputación e a presidencia do seu partido a nivel provincial, fai que o normal desenvolvemento dun Concello das dimensións do Pereiro de Aguiar, non sexa o requerido para trámites que esixen da supervisión por parte da Alcaldía”.
Desde a formación nacionalista demandan do actual Rexedor, “o cumprimento dos acordos do Pleno de organización e que se tomen as medidas oportunas para mellorar as responsabilidades de xestión e a atención á veciñanza no noso municipio, xa que o volume deste, por poboación e importancia, así o precisa no seu día a día”.