O Carballiño acolleu o pasado sábado unha das etapas da 12ª edición das ‘Marchas ciclistas unificadas’ de Special Olympics Galicia, cun percorrido de algo máis de 14 quilómetros, e co campo da festa da parroquia de Mesego previsto inicialmente como punto de saída e cun itinerario polas rúas da vila. Debido á choiva, a organización trasladou o seu centro de operacións ás instalación do veciño IES Chamoso Lamas. Tanto na saída coma na entrega dos trofeos e obsequios aos corredores estiveron o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a deputada provincial de Política Social, Patricia Torres. O obxectivo desta iniciativa de Special Olympics é a integración a traverso do deporte das persoas con algún tipo de discapacidade intelectual, tal e como comentou Modesto González, integrante da directiva desta entidade.
Estas ‘Marchas ciclistas unificadas’ deron comezo o pasado xoves en Burela, continuando o venres en Compostela, o sábado no Carballiño e remataron onte domingo en Vilagarcía, coa participación dun total de seis entidades da discapacidade intelectual: As Burgas de Ourense, Aspas de Santiago, Prodeme de Monforte, Eu Son de Burela, San Francisco de Vigo e Con Eles de Vilagarcía, xunto co Club Xiabre de Vilagarcía e o Club Ciclista de Monforte de Lemos.