Así o acordaron o presidente provincial, Luis Menor, e o director de Telefónica da zona Norte de España, Manuel Ángel Alonso, durante un encontro de traballo hoxe no Pazo Provincial
Pola súa parte, Telefónica promocionará o programa de “Nómades dixitais” da Deputación entre a súa rede de colaboradores noutros países
Ourense, 7 de outubro de 2024.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro de traballo no Pazo Provincial co director de Telefónica da zona Norte de España, Manuel Ángel Alonso, para explorar liñas de colaboración que resultasen de interese para ambas entidades.
Entre os asuntos abordados durante a reunión, o presidente provincial comprometeuse a colaborar no proceso de substitución ou “apagón” da liña de cable que remata a finais deste ano, tanto a Telefónica como aos posibles afectados a través dos alcaldes e dos representantes políticos para que “este proceso remate con total normalidade e pasemos da tradición ás vantaxes que ofrece a liña de fibra óptica”.
Por outra banda, Luis Menor solicitou a Telefónica a súa colaboración para dar difusión ao programa de “Nómades dixitais” da Deputación a través da súa rede de colaboradores en diferentes países.
Este programa provincial presenta aos establecementos termais como espazos idóneos para teletraballar e descansar. O programa inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, 10 técnicas termais, espazo común de networking e diversas actividades que contribuirán a complementar a experiencia nas horas libres.