Afirman que “estamos ante un posible caso de prevaricación por parte desta persoa que ordenou a unha empresa facer unha obra omitindo tódolos documentos que por lei deben constar no procedemento”
Elvira Lama explica que esta actuación adxudicada e realizada, “non consta na plataforma de contratos do Estado, onde deben estar publicadas polo seu importe e con tódolos documentos que obren no expediente”
Xinzo de Limia, 10 de outubro de 2024. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia un posible caso de prevaricación por parte da concelleira de deportes e deputada no Parlamento de Galicia, Cristina Campero. As e os socialistas explican que a situación ven motivada por unha obra de asfaltado nunha pista da concentración parcelaria, da que segundo puideron saber, o concelleiro de obras e responsable de área “nin coñece nin sabe que fora ordenada por dita concelleira, que supostamente se saltou o procedemento administrativo”.
Dende o grupo municipal socialista afirman que “estamos ante un posible caso de prevaricación por parte desta persoa que ordenou a unha empresa facer unha obra omitindo tódolos documentos que por lei deben constar no procedemento”. As e os socialistas lembran que o pasado día 4 de setembro pediron por escrito a información completa do procedemento administrativo da obra de asfaltado de dita pista, sobre a que non consta que se seguiran os procedementos legais.
“Logo de pedir copia íntegra do expediente no que debería constar providencia de alcaldía ou acordo da xunta de goberno, ademais da memoria e proxecto de actuación asinada polo técnico competente, así como o informe de necesidade do concelleiro da área responsable, prego de cláusulas administrativas particulares, prego de técnicas, informe sectorial da consellería de Medio Rural e a retención de crédito do importe da mesma, seguimos sen ter acceso a toda a documentación requirida”, explica a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández.
A voceira socialista explica que esta actuación adxudicada e realizada, “non consta na plataforma de contratos do Estado, onde deben estar publicadas polo seu importe e con tódolos documentos que obren no expediente”. Neste senso, Lama Fernández tamén apunta a que “consultada esta plataforma, non está
rexistrada nas actuacións do plan de rehabilitación de camiños de concentración, nin no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025”. Ante esta situación considera que o alcalde, Amador Díaz, “non controla ao grupo de goberno, nin aos seus socios do PP”, xa que tal e como salienta “cada un fai e desfai ao seu antollo, sen consultar e tomando decisións persoais para favorecer os intereses particulares e/ou familiares”.
Aproveitando o pleno da pasada semana, o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia requiriu novamente a información, pero tal e como apuntan, o alcalde “non deu ningún tipo de explicación” e sinalan que “transcorrido o prazo legal para a resposta, seguimos sen recibir a documentación solicitada que avale técnica e xuridicamente a devandita actuación”.
Ante esta situación e a falla de información no procedemento de avaliación da obra de acondicionamento e asfaltado da pista, as e os socialistas de Xinzo reiteran que “estamos ante un posible caso de prevaricación”, xa que segundo indican “ordenouse a actuación nun contrato de obra sen axustarse a lexislación vixente por parte da concelleira de deportes, que foi a que ordenou realizar dita obra”.