O Concello de Piñor organizou onte, domingo, a sétima edición da súa ‘Festa dos Callos’ na praza da localidade de Arenteiro. Unha xuntanza popular que ano tras ano vai subindo en número de asistentes coa finalidade de degustar un prato típico da zona e gozar dun día de lecer para os veciños e veciñas deste municipio e tódalas persoas que desexen asistir a esta cita tan agardada. A programación deste ano comezou as 10,00 horas cunha ruta de motos clásicas por estradas e pistas do municipio e na que participaron 117 motociclistas.
Un programa que tivo o seu momento álxido dende as 13,30 horas co xantar popular, no que ao redor de 600 veciños e visitantes poideron degustar un menú composto por racións de callos e lacón asado, empanada, pan, viño, postre e café, por un prezo de 20 euros para xoves e adultos, que foi de balde para os cativos de menos de 10 anos. A velada estivo amenizada pola charanga Os Caliqueños e o dúo La Hora Bruja, e a organización instalou uns xogos inchables para o público infantil. De xeito parello, o Concello de Piñor tamén promoveu “Arentarte”, unha mostra de artes plásticas, pintura acrílica e ao óleo, e de artesanía e manualidades, protagonizada por un total de seis artistas locais, que foi inaugurada onte e que se manterá aberta ao longo das próximas semanas, ata finais do actual mes de outubro.