- O Ministerio aprobou en setembro 15 millóns de euros en axudas, dos cales 2,8 millóns foron transferidos á Xunta de Galicia, sendo a nosa a terceira comunidade máis beneficiada de toda España
- O Goberno autonómico aínda non concretou a súa aportación ante esta problemática, a cal, segundo o subdelegado, debería ser maior que a achega ministerial “dado que Medio Rural é a administración competente e responsable na materia”
Ourense, 14 de outubro de 2024. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, denuncia que a Consellería de Medio Rural manteña bloqueados os 2,8 millóns de euros en axudas que o Ministerio de Agricultura transferiu o mes pasado á Xunta de Galicia co fin de paliar os efectos que o virus da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está a causar nas explotacións gandeiras galegas, de acordo coa publicación no BOE do 25 de setembro das bases reguladoras para a concesión de subvencións directas.
O Ministerio aprobou o reparto entre todas as comunidades autónomas dun total de 15 millóns de euros, resultando Galicia a terceira comunidade máis beneficiada de toda España. “Porén, a Xunta ten bloqueadas estas axudas e non hai data para que llelas entregue aos gandeiros”, lamenta Eladio Santos.
Ademais, o Goberno autonómico aínda non concretou a súa aportación para este mesmo fin. “Algunhas informacións falan de que será exactamente a mesma que a do Ministerio. Medio Rural é a administración competente e responsable na materia e debería dar unha aportación maior. A actitude da Consellería non é poñerse ao carón dos gandeiros, senón en contra. Está actuando tarde, mal e pouco”, insiste o subdelegado.
Así mesmo, lembra que a Consellería tiña información suficiente de cal sería a evolución da enfermidade dende o ano 2022, pero “nin nese ano nin en 2023 habilitou ningunha partida específica, e no 2024 aínda non deu nin un euro a accións destinadas a cubrir os gastos farmacéuticos, veterinarios, de desinfectación, prevención e desinsectación”, aclara. Por todo isto, o máximo responsable do Goberno do Estado na provincia esixe que “a Xunta e a Consellería de Medio Rural habiliten de xeito inmediato os 2,8 millóns que o activou o Ministerio de Agricultura”.