Unha semana máis continúan as representacións teatrais no Carballiño daXVII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, que nesta ocasión recibirá a dous novos grupos de teatro afecionado. Mañá, sábado, día 19, o grupo Camtheam de Cambre (A Coruña) ofrecerá a os espectadores “Veredicto”, de Antonio Sala; un texto traducido por Lucía Cernada e dramatizado por Fernando Martínez Gallego, reflexionando en clave de comedia sobre a procura da liberdade a través de catro personaxes femininos, Dores, Amparo, Remedios e a nai delas, xogando coa presentación dos seus problemas nun universo real ou no mundo do alén. Ten unha duración de 70 minutos e está dirixida a tódolos públicos.
Na xornada do domingo, día 20, serán os actores de The Sastre de Barbadás (Ourense), coa comedia “Deus non quere calderilla” os que contarán a loita de dúas irmáns, Salomé e Raquel, por lle ripar os aforros a Mateos para facer unha xenerosa esmola ao peto da igrexa, levadas polo afán de quedar ben diante do resto dos fegreses da vila. O texto está escrito e dirixido por Andrés RC. Yáñez, cunha duración de 60 minutos e tamén está orientada para tódolos públicos. Ambas representacións comezarán ás oito da tarde no Auditorio Manuel María do Carballiño.