O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de presentar unha moción para o seu tratamento polo pleno da Corporación na que solicita a acometida dun plan de mellora do edificio e do pavillón deportivo do colexio da Uceira; a elaboración de listas de contratación para o profesorado do Conservatorio; unha nova convocatoria de axudas para libros de texto e a ampliación do servizo de conciliación. Neste sentido, os concelleiros de Espazo Común apuntan que “o edificio principal do colexio público, o da Uceira presenta moitísimas deficiencias con zonas de patio que se seguen a inundar constantemente e as queixas de pais e nais son constantes xa que moitos días de choiva, os nenos non poden nin saír“.
Engaden que “na orde das fantasías de Fumega e o seu equipo, seguimos a agardar por ese pavillón do que levamos dende 2019 escoitando falar pero que nunca acaba de chegar“, e lembran que “o Conservatorio segue a ter os mesmos problemas de profesorado que nos últimos anos, o que afecta ostensiblemente ao alumnado pola falla dunha liña de traballo“. Dende esta formación tamén subliñan que, “capítulo aparte, e digno de estudo por parte de especialistas é o das axudas para material escolar e libros de texto que son un claro reflexo da nula capacidade deste goberno para actuar en positivo“. Ao respecto, o grupo de Espazo Común comenta que “no curso pasado só se adxudicaron 4.500 euros dos 45.000 orzamentados, por culpa, en gran medida, dunhas bases infumables“, e advirten que, “neste curso, vóltase a anunciar unha partida de 40.000 € para apoio ás familias nos gastos escolares de principio de curso coas mesmas bases“.