A administración debe deseñar medidas estruturais para abordar os cada vez máis habituais episodios climatolóxicos extremos
O SLG anima a rexistrar nos seus locais todo tipo de danos xerados polas últimas borrascas, que serán trasladados á CMR
Compostela,24 de Outubro 2024.Cas primeiras estimacións de danos nos cultivos provocados polas treboadas das últimas semanas, nomeadamente pola borrasca Kirk, podemos extrapolar que hai danadas 19.325has. de cultivos forraxeiros –arredor de 870 millóns de quilos-, é dicir, uns 69 millón de euros perdidos.
Resulta indignante que con milleiros de hectáreas de produción alimentar anegada a Conselleira María José Gómez mire para outro lado escudándose en que o asegurable non é indemnizable, deixando claro o abandono e falta de compromiso co sector produtor.
“Precisamente a Administración sabe perfectamente as dificultades económicas que afrontan as granxas, as altas porcentaxes de endebedamento, os baixos prezos que percibimos polos nosos produtos, incluso as desorbitadas contías que pagamos en seguros, que son requiridos para múltiples aspectos: traballadoras/es, maquinaria, instalacións, saneamento, enfermidades, consecuencias da fauna salvaxe… Este custo pode chegar aos varios milleiros de euros mensuais, é materialmente imposible que ademais se contraten seguros para danos puntuais”, explica a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG.
É necesario que a Xunta de Galicia estableza un mecanismo de cuantificación de danos por comarca que nos permita traballar con maior exactitude nos datos, xa que limitarse ás hectáreas afectadas aseguradas -os datos que proporciona por exemplo Agroseguro– invisibiliza as consecuencias reais destes episodios meteorolóxicos.
“Segundo os datos do Agroseguro, hai en Galiza 14.200 has aseguradas en forraxes e, desas, deron parte de 3.783 has. Pero os datos din que temos unhas 74.000has. de cultivos forraxeiros. Polo tanto, están sen asegurar a maioría das hectáreas de millo plantado. Por que está sen asegurar?Porque as granxas de leite teñen uns gastos en seguros moi elevados ao longo do ano –e os prezos polo leite máis baixos de todo oEstado- e porque non se adaptan ás circunstancias da produción galega de millo”, exemplifica a gandeira de vacún de leite e economista Ana Rodríguez. “Ademais non só é un problema que non se poda recoller o millo por estragado ou polo anegamento das fincas, senón que esta situación pon en entredito os tempos para botar a herba, polo tanto comprometendo a alimentación do gando o vindeiro ano”.
Situación similar podemos identificar tamén por exemplo no sector da pataca. Na comarca da Limia arredor de 5000has.están adicadas á pataca, pero só se comunicaron 100has. ao Agroseguro. “O seguro de pataca soe ser caro. E moi poucas explotacións fan este seguro, a non ser que teñan compromisos por un plan de incorporación ou plan de mellora”, explica Anxo Pérez, coordinador do SLG na comarca.
Dende fai semanas no Sindicato Labrego vimos cuantificando nas nosas oficinas datos de todo o país, e animamos ás labregas e labregos a continuar reportando nos seu local de referencia calquera outro dano a maiores que poda ser detectado tamén nestes días. Toda esta información será trasladada á Consellaría do Medio Rural.
Os episodios meteorolóxicos extremos vinculados ao quecemento global son cada vez máis frecuentes. As administracións públicas deben asumir a responsabilidade de establecer medidas permanentes, que permitan actuar de xeito inmediato pero tamén con previsión de futuro. Neste senso unha vez máis solicitamos á Consellaría do Medio Rural que constitúa unha Mesa de Traballo sobre o Cambio Climático que permita dar respostas holísticas e coordenadas a esta situación.
As producións de horta, ou cultivos como a faba ou a pataca presentan neste momento forte afección, e ás imaxes de leiras estragadas que vimos nos primeiros días, agora hai que engadir as perdas que se foron confirmando nas semanas seguintes cando se comezou a poder entrar nos terreos. Pero non estamos a falar só da meteoroloxía, senón tamén de pragas como a do verme dos prados, ou a aparición de mosquitos vectores de enfermidades como a EHE ou a lingua azul, ou mermas nos cultivos por mor do clima. Precisamos investigación pública neste ámbito, que se identifiquen prácticas de cultivo que permitan mellorar esa situación, sen embargo non consta que a Consellaría estea a ter en contra esta realidade de ningún xeito.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) voltamos dirixirnos á Consellaría do Medio Rural para solicitar a activación dunha liña de axudas que permita á granxas abordar as perdas inmediatas pero tamén a medio prazo.
Por último, insistimos na conveniencia de que a Xunta de Galicia inicie o procedemento pertinente para trasladar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a solicitude de declaración de zona catastrófica nas comarcas galegas máis afectadas.