Espazo Común critica, nun comunicado feito público esta mañá, a decisión do grupo municipal de goberno (integrado por PSOE e PP) de suprimir varias das comisións informativas que mensualmente teñen lugar e nas que, entre outras cousas, deben explicar o seu traballo e os avances en proxectos importantes. Estes órganos colexiados teñen por obxecto o estudo, informe ou consulta dos asuntos que teñen que ser sometidos á decisión do pleno da Corporación, así coma o seguimento da xestión do Alcalde, da Xunta de Goberno e dos concelleiros con delegacións. Dende Espazo Común subliñan que “durante moitos anos, no Concello do Carballiño, houbo unha comisión por cada área, presidida polo concelleiro delegado da mesma, na que este daba explicacións do seu traballo, dos seus proxectos e das dúbidas que poidera plantexar a oposición”.
Neste sentido, lembran que, “xa hai uns anos, Fumega, apoiado na súa maioría, reduciu todo a só unha comisión baleira de contido e na que moitas veces nin estaban presentes os responsables da área sobre a que se trataban cuestións”, de xeito que “os resultados destas prácticas quedaron ben á vista”. Engaden que “ao principio deste mandato, coa perda da maioría absoluta e a petición dos tres partidos na oposición, especialmente do PP, recuperáronse as comisións de área para un mellor funcionamento do Concello, sen embargo, os concelleiros populares de moral e opinións reversibles, apoian agora, que están no goberno, a supresión de comisións para ter que dar menos explicacións”.
O grupo que lidera Manuel Vázquez conclúe que “se o obxectivo que teñen é ocultar a súa incapacidade e nugalla, poden estar tranquilos que os cinco concelleiros de Espazo Común, seguiremos a facer o noso traballo e a pesares dos paus nas rodas destes demócratas de pacotilla, o noso esforzo por conseguir un Carballiño mellor non se vai deter”.