Por segundo ano e de xeito coordinado a Federación de asociacións culturais galegas organiza en distintas vilas do país a lectura pública de ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’
Unha lectura teatralizada, diversas lecturas públicas, foliadas, magostos, sorteos de libros, ruadas, baleirado de cabazas e mesmo unha queimada son as distintas actividades que ao longo do país van celebrar o Samaín e a data dos defuntos e das defuntas tomando como punto de partida a obra de Castelao
Desde Galiza Cultura destacan que “Esta actividade dá continuidade aos actos iniciados en distintas cidades e vilas do país en 2023 para a celebración desta data, moi arraigada na tradición cultural galega e que conta con multitude de referencias ao longo da nosa historia, sendo unha mostra da nosa riqueza patrimonial sen necesidade da exportación de imaxinarios doutras culturas”
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2024. Por segundo ano, de xeito coordinado, a Federación de asociacións culturais galegas Galiza Cultura celebra, no conxunto do país o Samaín, difundindo e popularizando a obra de Castelao centrándose principalmente na pequena peza publicada en 1922 pola Editorial Céltiga de Ferrol ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’, onde un esqueleto é o protagonista e na que se nos narran as súas memorias que recollen as peripecias dunha existencia máis aló da morte.
Deste xeito, unha lectura teatralizada, diversas lecturas públicas, foliadas, magostos, sorteos de libros, ruadas, baleirado de cabazas e mesmo unha queimada son as distintas actividades que ao longo do país van celebrar o Samaín e a data dos defuntos e das tomando como punto de partida a obra de Castelao.
Desde a propia Federación sinalan que “Esta actividade dá continuidade aos actos iniciados en distintas cidades e vilas do país en 2023 para a celebración desta data, moi arraigada na tradición cultural galega e que conta con multitude de referencias ao longo da nosa historia, sendo unha mostra da nosa riqueza patrimonial sen necesidade da exportación de imaxinarios doutras culturas”.
Deste xeito, os actos dan comezo na cidade da Coruña, o xoves día 31, a partir das 19.30 horas. Nesta cita realizarase unha lectura teatralizada no Paraninfo da Universidade na rúa Maestranza. Sobre o escenario, e mediante a sucesión das intervencións dun elenco de actores e actrices caracterizados, desvelaremos cales son esas memorias, as vivencias que existen no máis alá e como, quizais, a morte se asemella demasiado á vida. E se o ano pasado, nesta actividade participaban as entidades Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa Agra, a Agrupación Cultural Tempo Novo e a Asociación Cultural O Facho, desta volta súmase tamén a Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal. Para rematar, un magosto baixará o pano a esta actividade ‘arrepiante’ co que se celebrará na cidade herculina a chegada do Día de Defuntos e Defuntas tan arraigado na nosa cultura popular.
No Carballiño, o propio xoves 31, tamén haberá celebración do Samaín. Esta será a partir das 20 horas e decorrerá no centro da vila, na rúa Curros Enríquez a altura do número 29. A Agrupación Cultural Avantar ten programada a lectura de pezas da antoloxía ‘Cousas da morte’. Asemade, e completando este acto, a entidade ten previsto o reparto de autocolantes celebrando o Samaín e, finalmente, o sorteo do agasallo dun lote de libros entre as persoas participantes no evento.
En Ourense as actividades programadas neste vindeiro xoves 31 decorrerán a cargo da Asociación Cultural Auriense, tamén membro da Federación. Deste xeito a partir das 17 horas, haberá un baleirado de cabazas no local da Asociación (rúa Pena Corneira) para posteriormente, ás 21 horas, realizar unha ruada pola contorna con remate no Café Cultural Auriense (praza do Correxidor, 11) que acollerá desde as 21.15 horas esa lectura pública de ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’, para ter remate cunha foliada a cargo de ‘Os da baixa’ e unha queimada.
A cidade de Ferrol tamén será acubillo da lectura da peza de Castelao, mais desta volta será na tarde do sábado 2 de novembro en Covas. As organizadoras da actividade serán as nosas compañeiras e compañeiros da S.C. Medulio.
E por último esta actividade, grazas á Asociación Cultural Centaura, tamén chega até a vila de Gondomar. Con todo, e baixando o pano a todo este ronsel de lecturas, no Café Keik, situado na rúa das Ánimas, 10, a partir das 19 horas do domingo día 3, ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’ fechará este percorrido de celebracións do noso Samaín polo noso país.
Todas estas actividades son públicas, abertas e de balde, polo que desde a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura se anima a participar á veciñanza das distintas vilas achegándose e gozando do Samain e da obra de Castelao.
A Federación pon en destaque que o seu obxectivo é que, para vindeiros anos, van espallar a máis cidades e vilas, a través da súa rede de asociacións federadas, a realización desta lectura, acompañada doutras actividades, como xeito de por en valor unha tradición que, malia estar fondamente arraigada, durante as últimas décadas viuse influenciada por outro tipo de celebracións exportadas.
A actividade realizase grazas ao programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área Cultura da Deputación da Coruña.