- Manuel Pardo destacou que, no marco do compromiso da Xunta coa dotación de instalacións que permitan adestrar e competir en condicións idóneas aos deportistas desde a base á elite, a Xunta leva investidos este ano máis de 22 M€ en case 400 proxectos
- A actuación consistiu nunha edificación illada formada por dous espazos diferenciados e con acceso exterior independente: un novo vestiario para dar cobertura completa aos árbitros de xéneros feminino e masculino de 11,79 metros cadrados; e un local de reunións de 30,37 metros cadrados totalmente libre e adaptable aos diferentes usos como reunións ou celebración de eventos deportivos
Ourense, 04 de novembro de 2024.– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao municipio da Arnoia, para supervisar, da man do seu alcalde, Rodrigo Aparicio, o estado das obras de ampliación das instalacións deportivas do campo de fútbol da Queixeira, nas que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes fixo unha achega de preto de 39.000€, a través dun convenio asinado co concello, no que a Xunta aportou o 80%.
O delegado territorial salientou as axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e que distribuíron arredor de 5M€ en case un cento de concellos, e lembrou que o Goberno galego investiu outros 17,5M€ en traballos en infraestruturas deportivas tanto de titularidade autonómica, dos concellos como de entidades deportivas da comunidade.
As obras
O representante do Goberno galego sinalou que a actuación consistiu nunha edificación illada, nun espazo libre a carón do vestiario para árbitros existente, formada por dous espazos diferenciados e con acceso exterior independente; nun novo vestiario para dar cobertura completa aos árbitros de xéneros feminino e masculino de 11,79 metros cadrados; e un local de reunións de 30,37metros cadrados totalmente libre e adaptable aos diferentes usos que se lle poida dar como poden ser, reunións das directivas das entidades deportivas que utilicen a instalación, de adestradores ou de socios; así como para a presentación de eventos deportivos.
Xunto co apoio ás entidades locais nas instalacións deportivas da súa titularidade, a Administración autonómica tamén contribúe a melloras nas infraestruturas de entidades deportivas, así como ao funcionamento ao tecido deportivo con achegas ás federacións e aos clubs co obxectivo de que poidan realizar a súa actividade.