I Afundación estará moi pendente da evolución da recuperación para analizar en cada momento, e coa vista posta no medio e longo prazos, as posibles accións de apoio que poida poñer en marcha
05.11.2024. Afundación, a Obra Social de ABANCA, grazas á solidariedade da cidadanía e de todo o voluntariado corporativo da entidade, reuniu máis de 33 toneladas de produtos non perecedoiros que esta mañá, unha vez clasificados segundo as categorías establecidas pola Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), partiron en camións cara ás zonas habilitadas para a súa recepción en destino.
As imaxes están dispoñibles aquí.
No marco do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolvido por Afundación en conxunto con FESBAL e os seus bancos de alimentos locais, a entidade sociocultural galega manterá habilitada a recollida de produtos ata este venres, 8 de novembro, en todas as súas sedes (en Pontevedra, no Café Moderno Afundación) en horario de luns a venres de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.00 h. Todas aquelas persoas que queiran sumarse ao voluntariado de Afundación poden inscribirse no portal habilitado desde o programa Actúa. A partir do 8 de novembro, a Obra Social de ABANCA manterase atenta ás peticións que desde os bancos de alimentos das zonas afectadas se trasladen para seguir axudando alí onde sexa necesario, con aquilo que se precise e con especial atención a quen se atope en situación de maior vulnerabilidade. Afundación continuará estreitamente implicada no proceso de recuperación para analizar en cada momento, e coa vista posta no medio e longo prazos, as posibles accións de apoio que poida poñer en marcha.
Pola súa banda, ABANCA, mecenas único de Afundación, doou un millón de euros de axuda directa, para cuxa distribución foron designadas Cáritas e Cruz Vermella Española, e mantén activada, ademais, unha conta solidaria para todas aquelas persoas ou entidades que queiran facer donativos: ES80 2080 7208 3385 3000 7122.
Afundación, vocación de compromiso
Como en ocasións anteriores, Afundación traslada toda a súa solidariedade ás persoas prexudicadas e se compromete tanto na cooperación máis inmediata, coma na necesaria para o medio e longo prazo, e, para iso, manterase atenta ao avance da situación para analizar as posibles accións que poida poñer en marcha. Este mesmo sistema de apoio foi o desenvolvido a raíz da erupción do volcán Cumbre Vieja na illa de La Palma.
A implicación solidaria de Afundación en «Cultura por alimentos»
«Cultura por alimentos» é un programa dinamizado pola Obra Social de ABANCA que traslada, desde 2021, a idea de intercambio a todas as actividades culturais de Afundación. Co acceso a estas propostas, a modo de entrada solidaria, a entidade anima as persoas participantes a doaren produtos non perecedoiros que logo se trasladan aos bancos de alimentos locais para a súa distribución entre a poboación vulnerable.