- Manuel Pardo salientou que esta nova infraestrutura, que conta cunha axuda da Xunta de 300.000 euros resolverá unha demanda histórica dos profesionais, empresas, traballadores e usuarios deste Polígono
Ourense, 08 de novembro de 2024.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e da alcaldesa de San Cibrao, Marta Novoa, o novo párking para camións do Polígono de San Cibrao.
O delegado territorial explicou que o proxecto, promovido co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense e a colaboración da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, habilita 59 prazas de aparcadoiro para camións e dous inmobles separados -para homes e mulleres- con vestiarios e zonas de descanso diferenciadas, controis de acceso e videovixilancia para fomentar un servizo no que prime a seguridade con perspectiva de xénero e para facilitar o traballo feminino no sector do transporte. As prazas teñen unhas dimensións mínimas de 3,30 metros de ancho por 16,50 metros de longo
Manuel Pardo salientou que esta nova infraestrutura, que conta cunha axuda da Xunta de 300.000 euros, resolverá unha demanda histórica dos profesionais, empresas, traballadores e usuarios deste Polígono: aliviar o exceso de vehículos pesados dos viais, proporcionándolles un lugar de estacionamento seguro e dotado de todos os servizos necesarios.