Carballiño, 12 de novembro de 2024 — A Coral do Casino de Carballiño únase á celebración da Diocese de Ourense con motivo da recente canonización do beato Juan Jacobo Fernández, oriúndo de Piñor. Este emotivo evento levaráse a cabo o vindeiro xoves ás 20:00 horas na Catedral de Ourense, no marco da Misa de Acción de Grazas en honra ao novo santo.
A canonización de Juan Jacobo Fernández foi recibida con gran xúbilo na comunidade, que celebra así a vida e legado deste veciño exemplar, cuxa dedicación e fe deixaron unha pegada indeleble na rexión. A Coral do Casino de Carballiño terá a honra de participar na misa, achegando o seu talento e voz nunha cerimonia que se espera cargada de emoción e recoñecemento.
Este acto será unha oportunidade para que fieis e membros da comunidade reúnanse en oración e agradecemento, lembrando a figura dun home que foi elevado aos altares polo seu exemplo.
A Coral do Casino de Carballiño convida a todos os veciños e devotos a asistir e compartir xuntos este momento especial.
NOVA PUBLICADA EN BADALNOVAS CANDO FOI CANONIZADO
VIDEO da TVG. PREMER NA IMAXE
O papa Francisco, nunha cerimonia solemne na Praza de San Pedro este domingo, proclamou santos a oito frades franciscanos asasinados en Siria en 1860. Seis deles eran de orixe española, e entre eles destaca Juan Jacobo Fernández, nacido no lugar de Moire, no concello de Piñor, na comarca do Carballiño.
No acto estuvo presente o Presidente do Instituto De Estudios Carballiñeses Avelino Muleiro que asistiu a distintos actos na embaixada española asi como na Praza de San Pedro, xa que estuvo moi implicado en todo este proceso.
San Juan Jacobo Fernández convértese así no cuarto santo nado na provincia de Ourense, un feito que ecoa con orgullo na comunidade galega. Este novo santo é lembrado polo seu compromiso e valentía en terras de misión, onde atopou a morte xunto aos seus compañeiros franciscanos nun acto de persecución.
A cerimonia, presidida polo papa Francisco, subliñou a importancia do sacrificio e a entrega destes mártires franciscanos, quen dedicou as súas vidas á fe e ao servizo dos máis necesitados en circunstancias adversas. O pontífice destacou o exemplo de fidelidade e caridade que estes novos santos representan para a Igrexa e o mundo actual.
Un dato curioso que xerou interese entre os asistentes e a comunidade galega é o vínculo familiar de San Juan Jacobo Fernández co recoñecido escritor Camilo José Cela, outra figura ilustre de Galicia. Este lazo histórico engade un matiz cultural e familiar que une a dúas personalidades de renome nacidas na mesma rexión, cada unha destacada no seu ámbito, pero unidas pola herdanza e o legado galego.
O recoñecemento de San Juan Jacobo e os seus compañeiros inscríbese como un fito para a Igrexa e para Galicia, que sente representada e honrada por este novo santo, quen segue sendo un modelo de entrega e fe para os fieis de todo o mundo.
ARTIGO PUBLICADO EN BADALNOVAS POR XULIO ALVAREZ CRESPO SOBRE A RELACION ENTRE OS CELA E O BEATO JUAN JACOBO FERNÁNANDEZ
HISTORIAS do carballiño
Os Cela e o Beato Juan Jacobo Fernández
Como xa apuntabamos no artigo anterior, das orixes dos Cela sabemos que son oriúndos de Lugo, descendentes da casa Meizarán e dos Pombos-Pereiras dos partidos de Becerreá e da Fonsagrada. Así o refire o premio Nobel Camilo José Cela nunhas memorias publicadas en folletín no Correo Literario, baixo o titulo «La Cucaña».
Algúns apuntamentos da xenealoxía dos Cela parécennos interesantes e constitúen o obxecto deste segundo relato. Para saber todo canto sexa de interese sobre os Cela, recomendamos a lectura dos traballos que o investigador e escritor das Nogais (Lugo) Luís López Pombo publica en Galicia Dixital e que están dispoñibles en liña.
A observación detida da árbore xenealóxica (que construímos a partir das informacións do meu amigo Antonio Cela Portugal, «Toñín»), da lectura de diversa bibliografía do escritor Camilo José Cela e dos traballos citados de Luís López Pombo, lévanos a concretar algunhas cuestións.
Cómpre dicir que escollemos as liñas xenealóxicas que nos interesaban: tomamos como referencia a D. Eduardo Cela Castro (1915-2004), coñecido mestre dalgunhas xeracións no Carballiño, e a D. Camilo José Cela (1916- 2002) pola súa transcendencia e importancia como escritor, e porque sendo curmáns segundos, condúcennos na árbore familiar a antepasados comúns e á historia do beato Juan Jacobo de Moire.
Manuel Antonio Cela e María Pombo Fernández, veciños da casa de Cela de Meizarán, teñen como fillo a Antonio María Ramón Cela Pombo, que casa con Rosa Fernández Fernández, irmá esta de Juan Jacobo e filla de Benito Fernández e María Benita Fernández, veciños de Moire.
Antonio M.ª Ramón Cela Pombo e Rosa Fernández Fernández teñen como fillos, entre outros, a José Cela Fernández e a Camilo Cela Fernández.
José Cela Fernández contrae matrimonio na parroquia de Santo Domingo de Ourense con D.ª Concepción Corral Rodríguez, filla de D.ª María del Corral, veciña de Rapariz, parroquia de Santa María de Arcos (Carballiño). Tiveron como fillo a Darío Cela Corral, significado pintor do cal falamos no anterior artigo, que casou con D.ª Laura Castro Listanco, e pai de D. Eduardo Cela Castro.
Camilo Cela Fernández casou con D.ª Teresa Fernández, dos cales é fillo, entre outros, Camilo Crisanto Cela Fernández, pai de D. Camilo José Cela Trulock. Camilo Cela Fernández casou con D.ª Camila Manuela Trulock Bertorini, filla de John Trulock, natural de Londres, e de D.ª Josefina Catalina Aida Bertorini.
Así pois, Darío Cela e Camilo Crisanto, netos do mesmo avó, son curmáns carnais, e os seus fillos Eduardo Cela e Camilo José Cela, como xa dixemos, curmáns segundos.
Juan Jacobo Fernández Fernández, irmá de Rosa Fernández Fernández, viría xa que logo sendo tío bisavó de Eduardo Cela e de Camilo José Cela.
Na obra Mazurca para dos muertos, Camilo José Cela escribe: «El santo Fernández no era santo, era beato. Mi pariente el santo Fernández nació en el lugar de Moire […]»
Juan Jacobo nace no ano 1808 no lugar de Moire, parroquia de Santa María de Carballeda, concello de Piñor de Cea (Ourense). Fillo de D. Benito Fernández e de D.ª María Benita Fernández, que casaron no ano 1794, ano da execución de Luís XVI de Francia. Dise que D. Benito (exerceu de médico no Carballiño) era enciclopedista e que mesmo se carteaba con d’Alembert e Diderot, e o nome de Juan Jacobo puxéronllo como homenaxe a Jean Jacques Rousseau.
Foi franciscano e martirizado en Siria (un dos oito mártires de Damasco) no ano 1860 por islamitas drusos. Botárono desde o tellado dunha igrexa e, ao non morrer, rematárono cunha coitelada. Iniciouse a súa beatificación no 1895 por sentencia de León XIII, rematándose o proceso sendo papa Pío XI en 1926, en Piñor de Cea.
A día de hoxe, a casa en Moire consérvase tal cal aparece na foto, mais non se levou a cabo a idea de albergar un museo proposta no ano 2018 polo bispado, que entón dixo que ía proceder a recompilación de material para tal fin. Ao pé da casa, na praza, hai un estatua en honor do beato; e na casa, unha placa de mármore, homenaxe dos veciños.
Recordatorio que se deu aos asistentes ao acto de beatificación o 10 de outubro de 1926. Familiares, xentes da comarca, e forzas “vivas” da igrexa e do goberno estaban presentes. Entre eles Eduardo Cela a idade de 11 anos, gardou esta estampa que hoxe ten o seu fillo.
Así pois, queda establecida a relación entre os “Cela do Carballiño”, o premio Nobel de literatura no ano 1989 e o beato Juan Jacobo Fernández de Moire. A día de hoxe vive no Carballiño Laura Martínez Cela e, na diáspora, os demais descendentes, aínda cando están en continuo contacto coa vila dos seus antepasados.