O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que busca impulsar os Mercados Excelentes en Galicia e que se saldou con case unha trintena de concellos con interese en integrar as súas prazas de abastos e mercados nesta rede sinónimo de diferenciación e calidade. En concreto, 28 municipios -tan só dous deles xa co distintivo de excelencia concedido- recibiron preto de 700.000 euros para levar a cabo tanto accións necesarias de cara á obtención do selo de Mercado Excelente como melloras nos mercados, co gallo de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.
Entre estes municipios atópase o do Carballiño, xa que o Concello recibíu subvencións por un importe de 21.560 euros para a elaboración dun informe preliminar sobre os obxectivos que marcarán o futuro da Praza de Abastos, a fin de que este mercado público poida transformarse nun ‘Mercado Excelente’ ao abeiro da devandita convocatoria. O departamento de Comercio da Xunta tamén concedeu preto de 200.000 euros en achegas a un total de 19 asociacións e federacións de mercados e prazas de abastos para accións de dinamización e de mantementos das súas webs de venda electrónica.
Os municipios con prazas de abastos que non son Mercado Excelente poden sufragar accións de mentorización e formación dos praceiros e praceiras, de consultoría especializada, de diagnose da situación e usos do mercado ou a elaboración da documentación necesaria para levar a cabo as actuacións destinadas a acadar o selo, ademais doutras accións de mellora. Neste caso, rexistráronse 19 concellos beneficiarios. Nesta mesma dirección, nas axudas a municipios hai dúas liñas máis de achegas, destinadas á adquisición de equipamento e eficiencia enerxética, e que beneficiaron 5 concellos xa concesionarios dalgunha outra axuda.