O Concello de Ribadavia será o anfitrión dun intercambio xuvenil que terá lugar do 17 ao 22 de novembro, enmarcado dentro do programa “Deseñando o teu futuro” da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O proxecto contará coa participación de 25 mozos e mozas procedentes de cinco países diferentes: 5 de Ribadavia (España), 5 de Grecia, 5 de Rumanía, 5 de Estonia e 5 de Portugal. O obxectivo deste intercambio é aumentar a participación dos mozos nos procesos democráticos e concienciar sobre a importancia da cidadanía activa. Durante a súa estancia, traballarán no desenvolvemento de habilidades fundamentais como a lideranza, a toma de decisións e o pensamento crítico. Tamén se fomentará a creatividade, o diálogo intercultural e a cooperación en grupo. O programa inclúe actividades formativas sobre a estrutura da Unión Europea, o Parlamento Europeo, a democracia e a igualdade de xénero. Ademais, preténdese estimular o interese polo voluntariado e a contribución á comunidade local. O proxecto está financiado polo programa Erasmus+, que cubrirá todos os gastos de aloxamento, manutención e visitas culturais para os participantes.
Dende o Concello ribadaviense anúnciase que o vindeiro luns, 18 de novembro, ás 12,00 horas, terá lugar unha recepción oficial no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadavia, nun acto que estará presidido polo alcalde, César Fernández, quen dará a benvida aos participantes e destacará a importancia deste tipo de iniciativas para a promoción da mocidade, o intercambio cultural e a creación de lazos de amizade entre persoas de diferentes nacionalidades. Durante a súa estancia en Ribadavia, os participantes terán a oportunidade de coñecer o rico patrimonio cultural da vila, participar en obradoiros formativos e desenvolver actividades enfocadas á mellora das súas habilidades persoais e sociais. O programa tamén inclúe visitas a lugares emblemáticos, actividades deportivas e momentos de lecer que permitirán aos mozos e mozas compartir experiencias nun ambiente de convivencia e respecto mutuo.
Esta actividade é unha excelente oportunidade para que a mocidade poida aprender e medrar nun entorno multicultural, reforzando así os valores da solidariedade, a cooperación e o respecto pola diversidade. O Concello de Ribadavia anima a toda a cidadanía a colaborar e a participar nas actividades programadas, facendo sentir aos visitantes o calor e a hospitalidade que caracteriza á nosa vila.