O equipo do Club Deportivo Arenteiro desprazarase o vindeiro domingo ata Lugo no que será a 13ª xornada do campeonato da liga de fútbol da Primera RFEF, co obxectivo de manter a súa posición na táboa clasificatoria do grupo 1º desa categoría e tentar mellorar o xogo despregado a pasada fin de semana no campo de Espiñedo fronte ao Amorebieta, que se saldou cun empate (1-1). Así, a cita para seguir sumando puntos terá lugar este domingo, 17 de novembro, co Club Deportivo Lugo, dende as 19,30 horas, no campo do Anxo Carro. O conxunto verde ocupa na actualidade o 2º posto da clasificación, con 21 puntos, mentres os lugueses están na 7ª posición con 18 puntos, tra-lo seu empate (1-1) na cidade condal co Barça B.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación despois do derradeiro adestramento, o técnico do equipo do Carballiño, Raúl Jardiel, calificou o partido co Lugo de “bonito, estimulante e ilusionante”, á vez que valorou o bó estado de forma do conxunto lugués e a súa capacidade de encaixar poucos goles á semellanza do propio Arenteiro. Asemade, Jardiel loubou o xogo de ataque dos seus xogadores ante o Amorebieta, e, con respecto ao Lugo, asegurou que “vai ser un equipo que defensivamente vainos obrigar a facer moi ben as cousas”, ao destacar o seu xogo ofensivo.