A Xunta mantén aberto o prazo para apuntarse ao programa ‘Xuntos polo Nadal’ que tera lugar nas Residencias de Tempo Libre do Carballiño e de Panxón (Nigrán)

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Está dirixido a persoas maiores que viven soas para que poidan pasar en compañía estas datas tan sinaladas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ofrécense 270 prazas repartidas entre as Residencias de Tempo Libre do Carballiño e de Panxón (Nigrán)

As solicitudes poderán presentarse ata o luns da vindeira semana, día 25

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024

A Xunta mantén aberto o prazo ata o luns da vindeira semana, día 25, para participar no programa Xuntos polo Nadal, dirixido a persoas maiores de 60 anos que viven soas para que poidan pasar en compañía estas datas tan sinaladas. Ofrécense 270 prazas distribuídas entre as dúas Residencias de Tempo Libre públicas autonómicas: a do Carballiño e a de Panxón (Nigrán).

O programa desenvolverase do 24 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2025, ambos incluídos. As persoas que participen desfrutarán de estadías de 15 días en réxime de pensión completa e cunha ampla oferta de actividades: sesións de baile, proxeccións de cine, excursións, campionatos de carta, ximnasia e obradoiros de risoterapia, entre outros.

As prazas dispoñibles na residencia do Carballiño (130) son para as solicitudes procedentes das provincias da Coruña e Ourense, e as de Panxón (140) para as que se reciban das provincias de Pontevedra e Lugo. Así mesmo, garántese o desprazamento en autobús desde as sete principais cidades: A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ferrol.

Requisitos

Os requisitos para participar en Xuntos polo Nadal son ter 60 anos cumpridos, estar empadroado en Galicia, valerse por si mesmo e non padecer enfermidades de risco de contaxio, nin trastornos mentais ou de conducta que poidan alterar a convivencia. Así mesmo, darase preferencia ás persoas que perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que conviviran nos últimos anos, ás que teñan máis idade e ás que non participaran previamente neste programa.

A petición de praza debe ir acompañada dun informe social e dunha declaración responsable e poderá realizarse de xeito online, a través do formulario da páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade, ou de forma presencial nos servizos sociais municipais ou nos centros de atención social. Para máis información, pódese chamar ao teléfono gratuíto de atención aos maiores: 900 333 666.