O Concello de Piñor vén de presentar unha ampla programación de actividades para as festas de Nadal e Reis, animando a participar toda a poboación do municipio. Unha delas é o concurso de postais “E para ti, que é ser feliz no Nadal?”, integrado na actividade ‘Recuncho da felicidade’, unha iniciativa do Programa de Educación e Apoio á Familia, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo programa operativo FSE Galicia 2021-2027. A mensaxe dunha felicidade máis fundamentada en valores emocionais e persoais , máis realista e menos materialista, será a temática deste certame e chegará a tódalas casas e familias, pois a postal gañadora será empregada como felicitación oficial do Nadal do Concello de Piñor. Poderán participar cativos de 6 a 16 anos, e os debuxos deben ser entregados no Concello de Piñor ata o 5 de decembro. As bases que rexen o concurso están publicadas nas redes sociais e na sede electrónica municipal.
O programa contempla tamén o Campionato de Scalextric 2024 “Xogar non ten xénero II”, que terá luga o sábado 21 de decembro ás 16,00 horas no Centro Cultural de Arenteiro, contando coa colaboración oficial da empresa Scalextric. Cunha iniciativa coma esta preténdese, sobre todo, pasar unha tarde divertida, promovendo que as nenas participen, tendo categoría feminina en tódolos niveis de participación. Haberá premios e merenda para tódolos participantes (dende os 5 anos de idade en adiante). A inscrición pode formalizarse ata o 18 de decembro. Os cativos de 3 a 12 anos contarán, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro, con actividades diarias de 9,00 a 14,00 horas no Centro Cultural do Arenteiro, fomentando con elo a conciliación da vida familiar e laboral. O obxectivo de “Xogar non ten xénero II” é promover a loita contra os estereotipos de xénero e a igualdade entre nenos e nenas, un proxecto dentro do Pacto contra a Violencia de Xénero para entidades locais do Ministerio de Igualdade. O número de prazas é limitado, abríndose o prazo de inscrición ata o 10 de decembro. Dentro destas actividades están integradas tamén as seguintes iniciativas:
O taller infantil “O recuncho da felicidade”é unha iniciativa do Programa de Educación e Apoio á Familia, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo programa operativo FSE Galicia 2021-2027, que pretende traballar coa poboación infantil valores como o consumo responsable, as bases da felicidade, a redución do materialismo, o autocontrol de emocións como a envexa… baseando a felicidade dunhas datas tan sinaladas como o Nadal noutros aspectos máis persoais e humanos. Temos que pensar que moitas familias viven nunha situación económica especialmente deficitaria, mentres que a sociedade o que empuxa é a un consumo constante e a cubrir un número moi elevado de necesidades “creadas”, non necesidades básicas nin reais. Terá lugar o 23 de decembro, como inauguración das actividades infantís do Nadal.
Ademais da visita de Papa Noel, os cativos participantes nestas actividades poderán contar cunha mañá de xogos tradicionais o 28 de decembro, impartidos por persoal da Escola de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, da Deputación Provincial de Ourense. Finalmente, o Concello de Piñor organiza unha excursión a Pazolandia o 2 de xaneiro, para a que se abrirá un prazo de inscripción a partir do 18 de decembro.