O BNG demanda no Carballiño máis recursos para a atención ás vítimas da violencia machista

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O BNG do Carballiño demanda impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista, tal e como se refrexa na moción presentada pola súa voceira, Sofía García, para o seu debate na sesión plenaria que celebra mañá a Corporación municipal. Ao respecto, a concelleira nacionalista apunta que “a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeria orde manifestada en propostas concretas que melloren a aplicación e desenvolvemento das leis e dos seus instrumentos”. Sofía García solicita a Xunta de Galiza que dé cumprimento ao mandato de prestar  a atención á saúde mental na sanidade pública a vítimas de violencia, cunha dotación orzamentario e de recursos axeitados; e, tamén, a ampliación da rede galega de CIM (Centros de Información á Muller) impulsando a fixación de ratios mínimas de persoal e favorecer a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM.

Asemade, o grupo municipal do BNG demanda da da Xunta rectificar a súa decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e garantir a prestación deste servizo desde o sistema público de saúde, así como a acelerar a súa posta en marcha nas sete áreas sanitarias. A reafirmación da Corporación municipal do Carballiño na loita contra a violencia machista debe vir do rexeitamento de calquer discurso banalizador ou negacionista así como de calquer retroceso que elimine ou privatice recursos do sistema de protección e a atención ás víctimas, sinala García, a vez que anima á veciñanza do Carballiño a secundar as mobilizacións do movemento feminista. 

Sofía García lembra que “no que vai de 2024 xa acadamos a mesma cifra de feminicidios que no ano 2023, sendo éstes a consecuencia máis extrema dunha violencia que no último ano enteiro deixa máis de 1.400 ordes de afastamento, 7.795 casos activos en Viogen, do que 3.231 contan con protección oficial, ou máis de 900 delitos coñecidos contra a liberdade sexual, o maior número e o meirande aumento de toda a serie histórica (un 20%)”.  En consecuencia, a voceira do BNG indica que “e preciso, polo tanto, avaliar que podemos facer para evitar o avance da violencia machista e dos feminicidios, e por iso levamos ao noso Concello estas demandas”.