O encanto de Ribadavia, municipio finalista do concurso “Juntos Brillamos Más” de Ferrero Rocher, quedou inmortalizado hoxe nun emotivo curto gravado xunto ao actor e director galego Rubén Riós. Este proxecto, protagonizado polo actor e polo alcalde da localidade, César Fernández, contou tamén coa participación de veciños e veciñas da localidade ademais de outros concelleiros do grupo municipal. Esta curta, que ten como obxectivo conquistar o voto do público, será presentada mañá, xusto no tramo decisivo do certame. Ribadavia compite con Biar (Alicante) polo título de vila máis fermosa de España e o privilexio de ser iluminada por Ferrero Rocher este Nadal.
Rubén Riós, cun forte vínculo persoal con Ribadavia, expresou o seu apoio incondicional ao municipio. “Viña moitos anos traballar coa miña familia á Festa da Istoria, xa que tiñamos un posto; así que o meu vínculo con Ribadavia é obvio. Ademais de fermosa, a súa xente é hospitalaria, cariñosa… Teñen moita ilusión por gañar o concurso e meréceno. Merecen ter unha alegría nos tempos nos que estamos a vivir e en datas tan especiais como as do Nadal,” declarou emocionado o actor. A curta, en ton humorístico e con algunha mensaxe para Jesús Vázquez (presentador do concurso), recolle o carácter acolledor e a beleza única de Ribadavia e pretende ser o empuxón definitivo para atraer os votos necesarios nesta desputada competición que está xa na recta final. Veciños e veciñas volcáronse na produción, demostrando unha vez máis a forza da súa comunidade.
Coñecida polo seu rico patrimonio histórico, a súa gastronomía e eventos culturais como a Festa da Istoria, Ribadavia aspira a brillar este ano con máis forza ca nunca. Dende o concello e asociacións locais, animan a toda Galicia e ao resto de España a apoiar Ribadavia votando no concurso. A presentación da curta será mañá, un día clave para que Ribadavia consiga o impulso final na recta final do certame. Dende o corazón do Ribeiro, queren ser a vila deste Nadal.