A área de migracións do Psdeg-Psoe de Ourense informa do aumento das prestacións de dependencia para os retornados e as retornadas de Alemaña

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Moitos galegos retornados de Alemaña, alemáns e persoas doutras nacionalidades asentadas en Galicia, con dereito a percibir esa axuda económica, verán aumentada as contías a partir do 1 de xaneiro de 2025

Luís Gulín insta á Secretaria Xeral de Emigración a crear conxuntamente coa Consellería de Política Social “unha unidade que axude nestes trámites que adoitan ser moi complexos ao estar os documentos todos redactados en alemán”

Ourense, 3 de decembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da área de migracións, informa do aumento das prestacións de dependencia para os retornados e as retornadas de Alemaña. As contías aumentarán a partir do 1 de xaneiro de 2025, beneficiando a centenares de persoas en Galicia e Ourense.

En Galicia residen centenares de emigrantes retornados de Alemaña que perciben só pensión de xubilación, a maiores acompañados tamén coa de viuvez. “Para ter asistencia sanitaria gratuíta, o seguro médico xermano (chamado Krankenkasse) retén mensualmente un 14 por cento da xubilación para garantir ese servizo en España, incluído o seguro de dependencia de Alemaña (a chamada Pflegeversicherung)”, explica o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias. Neste sento tamén apunta a que “por sentenza dos tribunais europeos do ano 2012, Alemaña está obrigada a conceder a prestación económica de dependencia (Pflegegeld) se o usuario non é residente en Alemaña”.

Por ese motivo, moitos galegos retornados de Alemaña, alemáns e persoas doutras nacionalidades asentadas en Galicia, con dereito a percibir esa axuda económica, verán aumentada as contías a partir do 1 de xaneiro de 2025. “O grao de dependencia alemán 2 de 332 euros, pasará 347 euros, o grao 3 de 573 a 600 euros, o grao 4 de 765 a 800 euros e o grao 5 de 947 a case 1000 euros mensuais”, afirma Gulín.

Tamén por sentenza dos tribunais europeos estas persoas teñen dereito a maiores que unha persoa da súa confianza sexa dada de alta como coidadora non profesional na seguridade social alemá (Rentenversicherung) cunha base de cotización actual de 2030 euros mensuais. O secretario provincial de migracións explica que a lexislación alemá “permite que a figura da coidadora non profesional sexa compatible cun traballo a tempo parcial que non exceda as 25 horas semanais”. Gulín tamén lembra que “mesmo se pode dar de alta a unha persoa para coidar a dúas persoas á vez, que na maioría dos casos adoitan ser matrimonios maiores (pais, avós, tíos)”.

Desde a área de Migracións do PSdG PSOE de Ourense axudouse nos últimos anos a decenas de mulleres nos trámites de solicitude de dependencia alemá para darse de alta na seguridade social do país xermano como coidadoras non profesionais. O secretario provincial de Migracións do PSdeG PSOE de Ourense insta á Secretaria Xeral de Emigración a crear conxuntamente coa Consellería de Política Social “unha unidade que axude nestes trámites que adoitan ser moi complexos ao estar os documentos todos redactados en alemán”.