Cogami e o seu movemento asociativo reclaman dereitos para as persoas con discapacidade

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por unha sociedade sen barreiras: dereitos, igualdade e accesibilidade para as persoas con discapacidade en Galicia.

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, dende COGAMI e o seu movemento asociativo formado por 60 entidades representativas da discapacidade física e orgánica en Galicia, queremos destacar que, a pesar dos avances conseguidos, o noso colectivo segue a enfrontarse a multitude de barreiras que dificultan a nosa inclusión na sociedade. Dende a educación ata o emprego, pasando polo acceso á saúde, o lecer e a cultura, a discriminación por razóns de discapacidade continúa sendo unha realidade. Esta situación resulta aínda máis grave para as mulleres e nenas con discapacidade, que viven unha discriminación interseccional que acentúa as desigualdades.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “a sociedade debe tomar conciencia de que moitas persoas con discapacidade e as súas familias viven a súa vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. O dereito a vivir de maneira autónoma e independente precisa dunha sociedade libre de barreiras físicas, mentais, sociais e psicolóxicas”.  Queiruga explica que nos últimos anos producíronse avances para o colectivo pero apunta que “aínda que se perciben melloras nalgúns aspectos, queda moito por facer para garantir a igualdade de oportunidades e a non discriminación en todos os ámbitos da vida”.

Demandas e propostas clave

Vivenda: dende COGAMI adherímonos ás reivindicacións do Manifesto lanzado polo CERMI para este 3 de decembro, no que se recolle a vivenda como soporte vital da autonomía e independencia das persoas con discapacidade. Reclamamos o dereito a vivir nun domicilio libremente elixido, cos apoios que se precisen, pertencendo e participando na comunidade. E para que este dereito sexa efectivo, a vivenda debe ser accesible, alcanzable e inclusiva.

Autonomía persoal: avanzar cara a un sistema de atención máis coordinado e con recursos suficientes, que promova a vida independente das persoas con discapacidade, evitando na medida do posible, a institucionalización. Fomentar os servizos de promoción da autonomía persoal, innovando e flexibilizando as súas tipoloxías, así como outras prestacións destinadas a facilitar a vida independente.

Saúde: actualizar a lexislación sobre o dereito á saúde das persoas con discapacidade, garantido a detección precoz, a atención integral e accesible en todo o territorio, especialmente nas áreas rurais. Desenvolver un Plan de Atención Sociosanitaria que promova a cooperación entre os servizos sociais e sanitarios, garantindo unha atención centrada na persoa. Continuar coa renovación e actualización do Catálogo Ortoprotésico do Sistema Nacional de Saúde para que responda ás necesidades das persoas con discapacidade e maiores. Garantir o financiamento público de produtos sanitarios, así como o acceso a tecnoloxías e intervencións sanitarias e á innovación terapéutica de forma equitativa e igualitaria e tamén o acceso universal a servizos accesibles de saúde sexual e reprodutiva, incluídos os de planificación familiar.

Educación: desenvolver plans integrais de atención temperá e impulsar plans de educación inclusiva, garantido que todo o alumnado teña acceso a itinerarios educativos en igualdade de oportunidades. Impulsar programas de accesibilidade nos centros educativos, adaptando espazos e recursos ás necesidades do alumnado con discapacidade. Dispoñer de produtos e tecnoloxías de apoio e adaptación de postos escolares atendendo ás necesidades individuais de cada persoa.

Emprego: impulsar a nova Lei de Inclusión Laboral, establecendo políticas activas de emprego adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade. Modificar a lexislación do emprego público, incrementando a cota de reserva do 7% ao 10% nas administracións públicas. Fomentar os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e garantir recursos adecuados para que as persoas con discapacidade poidan acceder ao mercado laboral.

Accesibilidade: exixir o cumprimento da lexislación vixente en materia de accesibilidade para eliminar as barreiras físicas e sensoriais en todos os ámbitos da vida e para que todas as contornas, produtos, bens, servizos, procesos e procedementos sexan universalmente accesibles. Dende COGAMI pedimos que se aprobe o decreto de accesibilidade en Galicia iniciado o seu proceso de validación en 2019 e actualmente aínda en fase de borrador, para que Galicia conte cunha norma actualizada, sendo a anterior do ano 2000. Outras medidas que urxen dentro da accesibilidade é a modificación da Lei de Propiedade Horizontal e crear un Fondo Estatal para a Accesibilidade Universal para aquelas persoas propietarias que non poidan asumir a súa porcentaxe de cota para as actuacións de mellora da accesibilidade. É inaceptable que máis de 100.00 persoas en España vivan presas nas súas vivendas.

A día de hoxe, as persoas con discapacidade seguimos a loitar por unha sociedade que nos recoñeza, respecte e garanta os nosos dereitos. O Día Internacional das Persoas con Discapacidade é unha oportunidade para que toda a sociedade se comprometa a eliminar as barreiras que nos limitan e a construír un futuro no que as persoas con discapacidade teñan a oportunidade de vivir de maneira plena, igualitaria e libre de discriminación.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------