- O delegado territorial significou que ao longo deste ano a Xunta está a desenvolver na provincia de Ourense 128 actuacións, pequenas obras, cun investimento de 2.848.163€
- Manuel Pardo tamén subliñou que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implanta a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”
Ourense, 04 de decembro de 2024 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá da man do alcalde, Avelino Pazos, o remate das obras para a substitución da cuberta do CEIP de Castrelo de Miño, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional investiu máis de 210.000€.
Na súa estadía no centro, o delegado territorial destacou que ao longo deste ano a Xunta está a desenvolver na provincia de Ourense 128 actuacións, pequenas obras, cun investimento de 2.848.163€, e están en proceso de execución 6 grandes obras (renovación da cuberta do CEIP Castrelo de Miño; renovación das carpinterías do IES Celanova; substitución dos cadros eléctricos do IES 12 Outubro, e ampliación do CIFP Vilamarín, o IES Blanco Amor e o IES Chamoso Lamas) que suman máis de 5,4M€; “o que fala ás claras do compromiso do Goberno galego coa modernización do sistema educativo, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, iniciado en 2021”.
Manuel Pardo subliñou tamén que o curso escolar 2024-2025 é o primeiro no que Galicia implanta a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”; e subliñou outras novidades para este novo curso como o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20%, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais.
As obras
A intervención consistiu na eliminación da cuberta de fibrocemento existente tanto do edificio escolar como do patio cuberto e da zona de aparcadoiro, dotándoos dunha nova cuberta de panel metálico de chapa de aceiro galvanizado de 30 centímetros de espesor de illamento.
Tamén, na zona do aparcadoiro, se construíu un novo peche similar ao existente no resto do recinto, cunha base de formigón e malla metálica de simple torsión fixada a postes metálicos.