O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de presentar unha moción na que demanda do Concello máis transparencia, participación cidadá e respeto á democracia. Dende que PP e PSOE suman unha maioría absoluta adican tódolos seus esforzos a evitar que os cidadáns poidan saber de verdade que é o que fan para xestionar o que é de todos. Así, os cinco concelleiros desta formación política expoñen que “non se convocan tódalas comisións informativas para dar conta do traballo dos concelleiros de cada área (cómpre lembrar que case todos cobran); non se facilita a información obrigatoria por lei dos asuntos que van a pleno; pretenden minimizar ou case suprimir a quenda de rogos e preguntas das sesións plenarias; non publican na web municipal a información obrigatoria sobre gastos e contratacións; non facilitan o acceso aos expedientes solicitados pola oposición e hai cinco anos que non se convoca o Consello de Participación Cidadá“.
Lembrando o aniversario da Constitución Española, apuntan que o actual goberno integrado por PSOE e PP “só serviu para que algúns se sintan donos dun poder extinguido hai 50 anos e sintan a tentación de tentar anular os dereitos da oposición e do resto da cidadanía a participar democráticamente no que acontece na vida municipal“. Por todo elo, dende Espazo Común indican que “esta moción pretende ser un recordatorio de que estamos no ano 2024, e por moito que algúns queiran engalanarse co traxe militar dun ditador disfrazados de cordeiros, a lei obrígaos a respectar a democracia e os dereitos de todos e cada un dos veciños deste pobo“.
En consecuencia, solicitan un acordo plenario da Corporación para que “o portal de transparencia do Concello do Carballiño cumpra coa lexislación vixente e publique todo o que lle é obrigatorio, e que no perfil do contratante se publique en tempo e forma toda a documentación relativa aos contratos abertos, negociados e menores como indica a Lei de Contratos do Sector Público no seu artigo 63”. Asemade, piden a convocatoria do “Consello de Participación Cidadá con urxencia para dar conta da situación municipal e recoller propostas para os orzamentos”, e que se facilite “a documentación relativa aos temas que van a pleno como recolle a Lei de Bases de Réxime Local no seu artigo 46”. Por outra banda demandan acceso aos expedientes que se teñen solicitado do Concello e a convocatoria mensual de tódalas comisión informativas das áreas de goberno correspondentes.