- A conselleira María José Gómez reuniuse hoxe cos alcaldes de ambos municipios para avanzar nesta materia
- Nas xuntanzas, nas que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, abordouse a nova Base de Unidade Operativa (BUO) de Lobios e actuacións preventivas e posibles novos convenios de cooperación co Carballiño para a loita fronte o lume
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024.- A Xunta e os concellos de Lobios e O Carballiño reforzan a súa colaboración en materia de loita contra incendios forestais. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse esta mañá cos alcaldes de ambos municipios ourensáns, Carmen Yáñez e Francisco Fumega, respectivamente, para avanzar nesta materia.
O Carballiño
No que atinxe ao concello do Carballiño, na xuntanza de traballo entre os responsables da Consellería e o alcalde abordáronse diferentes temas de interese para a veciñanza, como son as actuacións e obras preventivas e de defensa no territorio municipal, nas que colaboran ambas administracións.
Ademais, o rexedor amosou o seu interese por seguir cooperando con Medio Rural nesta materia, en particular a través dos convenios establecidos pola Consellería cos diferentes concellos galegos para rozas preventivas, constitución de brigadas e incorporación de motobombas municipais ao dispositivo da Xunta.
Neste sentido, cómpre lembrar que O Carballiño xa ten subscrito o convenio de colaboración entre o Goberno galego, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. En virtude deste acordo, dispón xa dun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, aprobado e en vigor, que foi elaborado en colaboración coa Consellería.
Lobios
No caso de Lobios, ambas partes están ultimando os trámites para a localización dunha nova Base de Unidade Operativa (BUO) nesta localidade, que servirá para mellorar a prevención e a defensa fronte o lume na contorna do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Neste sentido, a conselleira agradeceu as xestións levadas a cabo pola rexedora municipal para conseguir, por parte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, a cesión dunha parcela da súa propiedade no lugar de Ladeiras para acoller estas instalacións.
A futura BUO de Lobios unirase ás de Muíños e Bande, completando nesta zona do devandito parque natural as infraestruturas necesarias para acoller o persoal e medios de loita contra incendios forestais, de forma que se intensificará a protección deste espazo protexido fronte o lume.