A directora xeral de FP afonda nas novidades destas ensinanzas cos directores dos centros que as imparten en Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
  • Inicia en Ourense unha rolda de contactos que ao longo da semana chega ás catro provincias para tratar cuestións como os novos módulos ou a formación práctica
  • A matricula incrementouse nun 7% este curso nos centros de FP da provincia

Ourense, 10 de decembro de 2024.- A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse esta mañá no Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros cos directores dos 19 centros educativos públicos que imparten ensinanzas de FP na provincia de Ourense. Inicia así unha rolda de contactos que continuará ao longo da semana cos responsables dos centros das catro provincias para afondar nas novidades destas ensinanzas este curso.

Entre outros asuntos, afondouse en como están a funcionar os novos módulos, así como o novo modelo de formación práctica derivado dos cambios lexislativos a nivel estatal.  Así mesmo, abordáronse outras cuestións de carácter xeral de relevancia para os centros educativos, para o alumnado e para as empresas colaboradoras cos ciclos formativos.

Ademais, informouse das modificacións no procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou vías de formación non formais, que permitirán que a poboación con experiencia profesional poida acreditar esta experiencia con maior axilidade e facilidade e  posteriormente validala por módulos profesionais de títulos de FP. Este procedemento mellora a inserción, a integración e a progresión formativa e profesional das persoas.

Un 7% máis de matriculados

No transcurso da reunión abordouse tamén o incremento de matriculación na provincia, que conta este curso con 6.244 matriculados na FP, un 7% máis ca no ano académico 2023/24. Por áreas, o incremento é do 7,5% na de Ourense (5.553 matriculados en total) e do 6% na de Verín e A Limia-Baixa Limia (378 matriculados). Na de Valdeorras, Trives, Caldelas e Viana a matrícula case non variou, con 313 alumnos, cinco menos ca o curso pasado.

Entre as principais novidades da oferta para este ano na provincia destacan os títulos de alta especialización, como a dobre titulación en Xestión de aloxamentos turísticos e Axencias de viaxes e xestión de eventos (CIFP A Farixa, Ourense); ou as titulacións de nova implantación en Galicia, como o ciclo de FP Básica en Aproveitamentos Forestais (CIFP de Vilamarín, na modalidade Dual Intensiva), e o ciclo superior de Redacción de contidos Dixitais para Márketing e Vendas (CIFP Portovello, Ourense)