A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) é a promotora do espectáculo infantil “Aí vén o apalpador”, que ofrecerá o grupo musical A Gramola Gominola o vindeiro domingo, 15 de decembro, ás 6 da tarde, no Auditorio Manuel María do Carballiño, cun prezo de 3,50 euros a entrada. A Gramola Gominola é unha banda de auténtico rock&roll en galego para público cativo e está composta por Paco Cerdeira (Pakolas, Zënzar), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (S4N7, Nebra, Wealman).
O grupo naceu no ano 2015 e dende entón deron centos de concertos “poñendo ao público en pé cos cornos en man!”. Son Premio Martin Códax da Música 2018 de música infantil e teñen tres discos publicados coa Editorial Galaxia. Neste espectáculo poderemos gozar das mellores cancións gramoleiras do Nadal e celebrar con cada baile, rir co seu humor e corear os retrousos máis apegadizos. Desfrutaremos cantando as cancións do”Apalpador” ou “Rap Metal do Nadal” e tamén os grandes éxitos que xa non poden faltar nun concerto da Gramola.