O Nadal en Ribadavia brillará co alumeado e unha programación con récord de actividades

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Non é un Nadal calquera o que este ano vivirá a capital do Ribeiro, Ribadavia.
Despois de gañar o concurso “Juntos Brillamos Más”, de Ferrero Rocher, a vila e
parroquias do concello énchense de brillo e unha extensa programación para
celebrar estas datas. O Belén de Julio Dabarca tivo a honra de abrir a programación de Nadal, con máis actividades que nunca. Poderá visitarse ata o 7 de xaneiro na Igrexa de Santiago e
ollar alí as figuras talladas a madeira e no que se combinan elementos do Belén
tradicional con representacións propias da comarca e as súas xentes. O alumeado de Ferrero Rocher que, grazas a gañar o concurso xa está acendido e engalana a vila, convertindo a Ribadavia no punto máis brillante e dourado de España. Un motivo máis polo que non perder de visitar as súas rúas empedradas e cheas de historia neste Nadal.

Mais non só iso, dende concertos coma o de Nadal do Grupo claxon o 15 de
decembro, a Rondalla Parada do Miñor (Nigrán) que fará un pasarrúas ese mesmo
día pola mañá; o Festival de Nadal da Escola de Música e Conservatorio Municipal
(19 de decembro), o Coro de Cámara Club Artístico de Ribadavia (21 de decembro),
Concerto “The Marty’s Band” (25 de decembro), Concerto de Emilio Rúa e XC
Caneiro (26 de decembro) ou o Concerto de Aninovo con A Lira (4 de xaneiro).
Á oferta musical súmaselle a teatral, coa obra “O Rapto da Bifana” (21 de decembro)
e a cinematográfica, con proxeccións o 23 de decembro e o 7 de xaneiro. Para os máis pequenos da casa chegarán Papá Noel (19 de decembro), O Apalpador (22 de decembro) e os Reis Magos (5 de xaneiro). Ademais do RibaNadal, que terá lugar do 26 ao 31 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro no Polideportivo Maquiáns, onde haberá inchables, obradoiros de maquillaxe, abalorios, manualidades, a visita de Micky e Minnie Mouse… e os Bolechas, o 29 de decembro.

A programación non se esquece dos maiores, con obradoiros coma o de centros de
mesa naturais (19 de decembro), de coroas de Nadal (21 de decembro), o de cestas
de nadal de lá e ramas silvestres (27 de decembro) e por suposto, tamén o
Mercadillo de Nadal organizado pola EAR o 21 e 22 de decembro. Un programa que chegará tamén ás parroquias o 28 de decembro cos Serandeiros, que farán un percorrido por elas. Todas estas actividades van acompañadas do programa “Concilia Nadal”, para axudar ás familias a organizárense nesta época de vacacións para os pequenos e pequenas mentres que moitos pais e nais seguen traballando.

A axenda está completa en Ribadavia, pero os brazos da vila e os seus habitantes
quedan abertos para todos os visitantes que queiran descubrir a maxia e brillo do
Nadal na capital do Ribeiro. Tras ser elixida como a vila máis bonita de España e a que máis brillará neste Nadal, veciños e veciñas teñen máis motivos que nunca para presumir dunha localidade que destaca entre todas as de Galicia pola súa riqueza patrimonial, etnográfica e
paisaxística