O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na entrega dos premios nas distintas categorías do certame.
Enxalza o talento da mocidade nos premios do “Xuventude Crea” con máis proxección.
Foi galardoado co primeiro premio en videocreación Mario Fernández, do Carballiño, coa obra Liminal Station; Raquel Álvarez, de Vigo, con Estruturas. Apuntes de San Sadurniño, e Esperanza Valentina Castro, de Ourense, con Necesidade existencial.
- Destaca a “gran resposta nesta edición, mostra da gran repercusión que ten para os nosos creadores e creadoras esta iniciativa á hora de dar a coñecer o seu traballo”
- Incide na “aposta porque tanto gañadores como todos os participantes teñan máis visibilidade e pola inclusión de novas modalidades adaptadas aos tempos”
- Os galardóns deste ano abranguen 16 disciplinas para as que se inscribiron máis de 600 persoas, dobrando a participación do ano pasado
- Ademais das compensacións económicas, os gañadores gozan doutras vantaxes como asistencia a eventos relevantes no sector ou programas de formación
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou o “talento” e o “gran potencial” da mocidade galega durante a gala de entrega dos premios Xuventude Crea 2024, un certame, dixo, “que ten gran repercusión para os nosos creadores e creadoras á hora de dar a coñecer o seu traballo, como así o demostra a gran reposta que tivemos nesta edición”. Así, tal e como lembrou, esta décimo quinta convocatoria foi a que obtivo máis participación, con 627 persoas inscritas, o dobre do ano pasado.
O certame, organizado pola Xunta de Galicia para incentivar a creación entre os mozos e mozas e impulsar os seus proxectos, apostou este ano “por ofrecer como máis visibilidade e proxección coa presenza en eventos relevantes do sector artístico internacional e coa posibilidade de participar en programas de formación”, como así o explicou López Campos. O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola diretora xeral de Xuventude, Lara Meneses e vários membros do seu equipo, tamén quixo alentar para o futuro “non só ás persoas que hoxe reciben os galardóns, tamén a todas as persoas que participaron nas diferentes modalidades e tiveron a oportunidade de mostrar o seu bo facer nas distintas finais celebradas”.
Neste senso, o responsable de Xuventude da Xunta gabou a calidade dos traballos presentados en moi diversas disciplinas nunha edición que, apuntou, “tamén se caracterizou pola transversalidade nas políticas públicas que teñen que ver coa mocidade”. Referiuse así á coordinación con outros departamentos da Administración autonómica como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou a Axencia Galega das Industrias Culturais.
Deste xeito, o certame incluíu desta vez a persoas galegas residentes no exterior, que viaxarán á Comunidade mediante a Estratexia Galicia Retorna. Ademais, grazas aos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego os responsables das obras gañadoras terán a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha o seu proxecto. Pola súa parte, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras da sección Pro na categoría de teatro, impulsando o lanzamento da súa proposta artística.
16 categorías premiadas
Os premios do Xuventude Crea 2024 recaeron en 16 modalidades, dúas máis que o ano pasado. Como novidades, incorporáronse nesta edición as categorías de creación de contido e Dj, atendendo aos intereses actuais da xente moza. Ademais, no caso do teatro dividiuse en duas seccións, con cadanseus recoñecementos: o apartado Amador para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, e o apartado Pro para compañías de nova creación, profesionais emerxentes, grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.
No caso das artes plásticas recibiu o primeiro premio Candela Eirea, de Cangas, coa pintura Un enrriba doutro; o segundo foi para Cristian Paz, de Ponteareas, coa escultura Escondedoiro; mentres que o terceiro compartirono Cora Novoa, de Valencia, coa escultura O que ocorre durante rexistros da acción, e Ainoa Simons, de Vigo, coa colección En esta casa viven todas.
Na arte urbana gañou o primeiro premio Álex Davila, de Lalín, con O mar non é un vertedoiro; o segundo recaeu en Fernanda Rodríguez, da Coruña, con Descentrada, e o terceiro en Pedro Gonzalo, de Vigo, con Identidade fragmentada.
No que respecta á banda deseñada, os recoñecementos foron en primeiro lugar para Izar Magallanes, de Vigo, con Negra sombra; en segundo para Jennifer de la Torre, de Ourense, por Señardade, e en terceiro para Alba Chan, de Pontevedra, con Minha axenda, compartido con Manuel Tudela, de Pontevedra, com Epicteto.
Os galardóns en cociña levaron ao primeiro posto a Pablo González e Ana Belén Pérez, de As Neves, pola súa Torrada con viño tinto Rubiós; ao segundo lugar a Jennifer Santabaya, de Dumbría, polas Vieiras á prancha sobre cama de crema de pataca e tetilla con crocante de castañas e xelatina de Albariño, e ao terceiro a Sofía Pérez e Valeria Rodríguez, de Pontevedra, con Lume da Santa Compaña.
Na creación de contido, novidade este ano, distinguiuse a Sandra Martínez, de San Sadurniño, por O e-rural galego; en segundo lugar a Luis do Río, de Santiago, por A tradición cultural galega e as súas novas formas en internet, e en terceiro a Iria Fernández, de Ourense, por Metamorfose mariña.
Na categoría de videoxogos resultaron premiados Gael Alberto Quintela, de Arzúa, por Maestosia; Tamara García, de Carballo, por A Hundred Days of Summer, e Laura Cuestas, de Vilagarcía de Arousa, por Souri.
En danza gañou o primeiro premio Judith Roca, de Lugo, coa obra Frente a frente, e o segundo Pablo Vázquez, de Pontevedra, por Silencio afogado. Mentres, o terceiro foi compartido polo grupo formado por Daniel Suárez, Alba Meijide e Bruno Orosa, de Vigo, por Go natural, e polo dúo de Noelia Prado e Claudia Pazos, da Coruña, por Lazos quebrados.
En canto ao deseño de xoias, recoñeceuse o traballo de Raquel Martín, de Rois, con Orixe; Yago Piñeiro, de Cangas, con Orquídeas, e Isani Diana Gil, de Santiago de Compostela, por A armonía do origami e o metal.
Outra das novas especialidades, a de DJ, tivo como vencedor a Anxo Fernández, de Ponteareas, con A technocicleta de muiños, acompañado no segundo lugar por Lidia Fraga, da Coruña, con Darkness Session, e de Jorge Luis Pardo, da Coruña, con Entre tebras.
As obras premiadas en fotografía foron Non é debilidade, é fortaleza, de María Alborés, de Boiro; Pensamentos, de Daniel Pérez, da Estrada, que compartiu o segundo premio con Bruno Veloso, de Vigo, con Bágoas presas, sendo o terceiro tamén compartido entre Leire Ramallo, de Vigo, con Vestixios, e Aldara Vázquez, de Vigo, con Traspasar.
En moda levou o primeiro premio Uxía Loureiro, de Ponteareas, con Corpus Christi; o segundo, Ana Román, de Vigo, con Lilas, e Laura Villar, de Lugo, conseguiu o terceiro con Lembranza.
No apartado de música o primeiro posto recaeu en Sara Gimeno, de Cangas, con Quérote e Dans les rues de Bordeaux; o segundo en Juan Arca, de Vigo, con Sangue no canal e Peixe no millo, e o terceiro en Pablo Sexto, de Santiago de Compostela, con Paganini Lost e Jun Nagao.
A especialidade de novela curta premiou a obra A vinganza de Paquiño Jackson, de Alba Guzmán, de Ourense; en segundo lugar Carmilla e achegados, de Aaron Barreira, de Culleredo, e en terceiro O que ocultan as sombras, de Marcos Gómez, de Rianxo.
Mentres, en poesía recoñeuse a Alexande Guerra, de Celanova, con Anfisbena do salitre; a Xián Lois Alcayde, de Culleredo, con Éxodo, e a Sofía Fernández, de Allariz, con Canícula.
Na categoría de teatro foi merecedor do primeiro premio na modalidade Pro a compañía Coidadobastón!, de Redondela, coa obra Recordari; do segundo t.E.T.a, de Ourense, coa peza Que importante é e que pouco se fala, e Nauta Teatro, de Teo, con Ephímeros. No que respecta ao apartado Amador, gañou o grupo Ska-Rnio, de Rianxo, con Fraktal; seguido de La Barata, de Santiago de Compostela, con Ingobernábeis (Apto/non apto), e de Esteta, de Taboadela, con A puta namorada.