Nunha mañá solleira aínda que fría debido a xeada, a Carballeira da Garrida voltou a converterse onte no epicentro do Nadal en Galicia coa representación do ‘Belén vivente’ que o pobo de Dacón, no municipio de Maside, vén organizando dende hai 37 anos. Unha paraxe natural onde un cento de veciños e veciños desta localidade lembran o nacemento do Neno Xesús, protagonizado por unha cativa de dous meses do veciño lugar de Agros de Quinta, co seu portal, María e Xosé, animais de compañía e pastores, pero tamén con diferentes espazos e escenas da vida cotián do rural galego, coa escenificación de oficios tradicionais, e coas novidades dun muíño restaurado que aproveita a auga dun regato que cruza o lugar, e a apertura dun puzo artesanal.
Preto do mediodía, a afluencia de visitantes chegados de distintos puntos da xeografía galega xa era importante, á espera do anuncio oficial do nacemento de Xesús, que abre a lembranza dos episodios bíblicos con protagonismo para o rei Herodes, emprazado no seu Castelo; os soldados romanos e a sempre esperada chegada dos Reis Magos para ofrecer os seus presentes ao neno recén nado. Non faltou un chocolate quente para combater o frío nesta tradicional cita do 25 de Decembro, que congregou a ducias de persoas para rememorar o aniversario número 2024 da era cristiá, e que rematou cunha misa oficiada na mesma carballeira, que a propia veciñanza de Dacón pon a punto dende semanas antes para esta celebración.
Unha tradición que non ten visos de desaparecer, xa que ano tras ano e según manifestaron dende a organización, vaise incorporando xente máis xove que está a relevar ás anteriores ‘xeracións’ que foron os promotores desta iniciativa dende o punto de partida, aló polo ano 1988. Unha das variadas actividades que promoven as veciñas e veciños de Dacón, como tamén é o caso da comparsa “Os Arrieriños”, creada hai décadas para animar as datas do Entroido na comarca e na provincia.