O grupo municipal socialista conseguiu que se aprobase a súa iniciativa para a creación de aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade e nos barrios máis conxestionados de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

“A pesar da aprobación dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) fai un lustro xa, concretamente no ano 2019, que contemplaba a creación de aparcadoiros disuasorios e fomentar o uso do transporte público, nada se fixo por parte do actual executivo local, que segue a gardalo nun caixón”, lamentou a voceira do PSdeG, Natalia González

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén conseguiron os e as socialistas que saíse adiante a súa moción para homenaxear a figura de Arturo Baltar, polo centenario do seu nacemento, e revitalizar o espazo expositivo que alberga o seu belén

Ourense, 10 de xaneiro de 2025. O grupo municipal socialista do Concello de Ourense conseguiu, no primeiro pleno ordinario deste ano, que se aprobe –cos votos a favor de PP, BNG e a abstención de DO– a súa iniciativa para a elaboración dun plan que contemple aparcadoiros disuasorios que desconxestionen o tráfico e faciliten a mobilidade na cidade. A encargada de defendela foi a voceira do PSdeG, Natalia González.

“A pesar da aprobación dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) fai un lustro xa, concretamente no ano 2019, que contiña un plan específico para a creación de aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade e fomentar o uso do transporte público, nada se fixo a día de hoxe por parte do actual executivo local, que segue a gardalo nun caixón. E para nós é fundamental adoptar medidas neste senso”, sinalou durante a súa intervención.

Recriminou, ademais, ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que cando o seu partido non gobernaba presentou no mesmo Salón de Plenos unha iniciativa para habilitar emprazamentos en puntos de entrada á cidade e agora desbota calquera posibilidade de facelo. “Comezou a gobernar hai 5 anos e agora aposta abertamente por privatizar os aparcamentos da cidade e cambiar de opinión simplemente polos seus intereses persoais e económicos, non por defender o público”, afirmou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.

Os mesmos respaldos acadou a moción socialista, que expuxo igualmente a portavoz dos e das socialistas, para poñer en valor a figura do escultor ourensán Arturo Baltar, logo de que o pasado ano se cumprise o centenario do seu nacemento, e revitalizar o espazo expositivo do seu belén.

“No recente 2024, xusto cando se cumpría o centenario do nacemento dun dos grandes artistas da nosa cidade que nos deixou un legado único coa súa obra, e que conta con esculturas e ilustracións en espazos museísticos de Galicia e España; as administracións públicas, e concretamente o Concello de Ourense, esquecéronse del obviando conmemorar a súa traxectoria e contribución”, lamentou a voceira.

Pola súa banda, a edil socialista María Fernández sinalou que a moción do PP para instar á elaboración dun proxecto de recuperación dos camiños tradicionais non aborda todas as eivas actuais pendentes de vontade política: “A recuperación dos camiños tradicionais debería ser unha prioridade porque, entre outras cousas, serve para comprender como fomos mudando a nivel agrícola ou de infraestruturas, pero a iniciativa ten un carácter moi xenérico que fai que non se poidan abordar todas as necesidades e retos reais. A idea é magnífica porque supón recuperar un patrimonio histórico e cultural. E sería interesante que o Concello de Ourense se implicase para rescatar parte da nosa memoria”.

Tamén foi a encargada de intervir no debate para aprobar provisionalmente a ordenanza para a ampliación do servizo público de prevención e extinción de incendios lembrando que “o incumprimento dos procedementos administrativos” xa levou en anteriores ocasións a problemas de aplicación efectiva das medidas aprobadas. “O PSOE vaise abster para deixar ao executivo local facer as cousas ao seu xeito e ogallá isto non volva a pleno máis adiante, como cremos que vai acontecer”, destacou.

Así mesmo, a edil do PSdeG Alba Iglesias esixiu, a conta da iniciativa do BNG para a execución do vial de conexión entre a N525 e o barrio de Barrocás, máis planificación, implicación e traballo por parte da Xunta e o Concello en materia de mobilidade en Ourense. “Ambulancias atrapadas, autobuses facendo malabares, coches dando voltas… E con dous puntos críticos: O cruce de Ramón Puga e a avenida de Nosa Señora da Saínza, e a rotonda de entrada ao CHUO. E todo isto nunha cidade que debería ter accesos fluídos ao hospital máis importante da provincia”, reseñou sobre a problemática cotia que padece a cidadanía.