A Xunta de Galicia vén de licitar o contrato para o mantemento ata 2027 do servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos galegos, o Arenteiro entre eles, e dos centros ictioxénicos da Administración autonómica, sendo a piscifactoría do Carballiño un dos máis importantes. O contrato, que ascende a un importe de preto de 130.000 euros, pemitirá ofrecer o servizo de avaliación de riscos e análises de mostras para a vixiancia e control do estado sanitario das poboacións piscícolas dos ríos; dos procesos patolóxicos que poidan afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos da Xunta. Estes centros son os que a Administración autónomica posúe no Carballiño, Carballedo (Cerdedo-Cotobade), O Veral (Lugo), e, dependendo deste último, o de Goó (O Incio).
Este tipo de análises permite avaliar os riscos e a diagnose de patoloxías de orixe bacteriana, vírica, fúnxica e parasitaria. Ao mesmo tempo, o contrato asinado tamén inclúe estudios toxicolóxicos no marco de investigación de mortandades acontecidas no medio natural. As analíticas que se leven a cabo nos centros ictioxénicos consistirán no examen do estado sanitario dos reproductores, da produción con destino á repoboación e do centro de cultivo a consecuencia de incidentes (mortandades anormais, baixo rendemento ou sospietas de patoloxías, entre outras).
No que respecta ás poboacións piscícolas no medio natural, as análises consistirán en comprobacións periódicas do estado sanitario das poboacións salvaxes a partir de mostras obtidas nese medio e da análise de mortandades ou outros incidentes acontecidos. O contrato para este servizo de análise sanitario entre 2025 e 2027 está cofinanciado nun 60% pola Unión Europea ao traverso do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2021-2027.