Ribadavia porá o broche de ouro a un Nadal histórico cunha “Festa de Apagado das Luces” na Praza Maior

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Ribadavia efectuará o vindeiro domingo 26 de xaneiro o apagado da iluminación que lucíu a vila durante a tempada de Nadal tras gañar o concurso “Juntos Brillamos Más”, promovido por Ferrero Rocher. O acto desenvolverase dende as 19,00 horas na Praza Maior da localidade, no decurso dunha gran festa amenizada polo Grupo Claxxon, que rematará co apagado das luces ata o próximo Nadal, que levará a cabo o alcalde, César Fernández, ao pulsar o interruptor de desconexión do alumeado que Jesús Vázquez se encargou de acender o pasado 12 de decembro. As autoridades municipais convidan a todas aquelas persoas que aínda non tiveron a oportunidade de velo, que aproveiten a ocasión que se lles brinda ata o 26 de xaneiro para achegarse a Ribadavia e admirar o alumeado de Ferrero Rocher.

Dende que Ribadavia se inseriu no concurso “Juntos Brillamos Más” de Ferrero Rocher, que acabou gañando, a popularidade desta fermosa vila chea de historia e capital do Ribeiro non fixo máis que medrar. As súas rúas empedradas e un casco histórico conservado mantendo as construcións propias doutra época danlle a Ribadavia unha maxia da que gozar durante todo o ano. Isto, unido ao alumeado co que se decorou, primeiro para gañar o concurso e logo como premio do mesmo, supuxo un atractivo para milleiros de visitantes chegados non só da provincia de Ourense, senón de moitos lugares de Galicia e incluso de alén da mesma.

Ademais da fermosura de pasear polas súas rúas, as numerosas actividades organizadas dende o Concello foron un reclamo máis para a súa visita. O Mercadiño de Nadal, os concertos durante esta época festiva, a degustación de produtos alimentarios e os postos de artesanía que chegaron co mercado “Artesanía. Saber e sabor” tamén conseguiron que veciñanza e turistas degustaran, doutro xeito, a maxia desta vila. Unha campaña histórica para Ribadavia que serviu tamén para promover o movemento da economía local e da que se aproveitaron hostaleiros, comerciantes e produtores locais.

Co apagado das luces comezará, por parte do goberno local, a preparación do próximo Nadal, pois por outras vilas que tamén gañaron este mesmo premio está demostrado que o efecto se prolonga durante anos se hai a pertinente planificación, na que o Concello quere empezar a traballar o antes posible para seguir rentabilizando ao máximo o magnetismo do premio.
Pero o máis inmediato agora é o peche deste Nadal tan animado e multitudinario. Mais en Ribadavia as actividades ata ese entón seguen. Non só porque as luces continúan iluminando e facendo brillar unha das vilas máis fermosas do país, e oficialmente a máis bonita de España tras ganar o premio Ferrero Rocher, senón porque seguen ampliando a oferta de actividades culturais, propoñendo alternativas de ocio á veciñanza e visitantes.

Este mesmo sábado, 18 de xaneiro, ten lugar un recital de poesía interpretado por Xía Rodríguez do libro “Uróboro”, da autora Noemí da Cruz, que rematará coa sinatura e venda de exemplares no mesmo acto, que albergará o Auditorio da Casa da Cultura da localidade.
O domingo, 19 de xaneiro, o ‘Autobús do Teatro’ chega a Ribadavia co Programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego para recoller, ás 15,00 horas, a todas as veciñas e veciños que se apunten (inscricións previas no Concello) e levalas a desfrutar da obra “Nada se sabe”, do Centro Dramático Galego, cun custo de tan só 5€ pola viaxe e por desfrutar da función.