O Psdeg-Psoe de Viana do Bolo insta ao Bng a recapacitar e sentarse a negociar un goberno de coalición que remate co “desgoberno” e a “inacción” do partido popular

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As e os socialistas lembran que “mantivemos tres reunións xa co BNG, nas que propuxemos a creación dun goberno de coalición, co reparto das concellerías e unha alcaldía rotatoria”, pero tal e como explican “negáronse en rotundo, pois só queren a cadeira de mando”

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana, Germán García-Ávila Arias, subliña que “se ao BNG lle interesa realmente o benestar, o progreso de Viana e rematar con este desgoberno, é o momento de sentarse a dialogar e consensuar un goberno de coalición”

Viana do Bolo, 17 de xaneiro de 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao BNG local a recapacitar e sentarse a negociar para rematar co “desgoberno” que vive o municipio da man do Partido Popular. As e os socialistas consideran que as urnas falaron “alto e claro” para facilitar un goberno de “coalición e progreso” no municipio, pero tal e como apuntan “a falla de diálogo e consenso dos nacionalistas impediuno ata o día de hoxe”.

O grupo municipal socialista aproveitou a sesión plenaria do día de onte para manifestar esta situación, argumentando que “gracias aos votos da veciñanza, que non foron en balde, tivemos a oportunidade de manter ata tres reunións recentemente co grupo municipal do BNG, nas que propuxemos a creación dun goberno de coalición, co reparto das diferentes concellerías e cunha alcaldía rotatoria”. Neste senso tamén destacan que “en dúas lexislaturas anteriores facilitámoslle o acceso á alcaldía sen recibir nada a cambio, pero consideramos que neste mandato estamos en igualdade de condicións con 3 concelleiros cada formación, polo que o normal sería un reparto de áreas e da alcaldía”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, pon de manifesto que o BNG “debe recapacitar, deixar de mirarse o embigo e abandonar as súas ansias de controlar a cadeira de mando”, xa que tal e como apunta “o importante é Viana e a veciñanza e rematar co desgoberno e a inacción do actual goberno do Partido Popular”. O edil socialista tamén subliña que “se ao BNG lle interesa realmente o benestar, o progreso de Viana e rematar con este desgoberno, é o momento de sentarse a dialogar e consensuar un goberno de coalición, cun reparto equitativo de concellerías e unha alcaldía rotatoria”.

García Ávila-Arias relata que “se a día de hoxe Viana do Bolo non ten un goberno de coalición entre PSdeG-PSOE e BNG é porque os nacionalistas non son razoables e queren todo o poder e control para eles”. O voceiro socialista apunta a que “nós estamos dispostos a asinar unha moción de censura, tal e como demostramos en numerosas ocasións e buscamos todo tipo de solucións para un cogoberno, pero o BNG só quere gobernar en solitario a toda costa”.

Dende o PSOE vianés consideran que “Viana precisa dun cambio de goberno e a pelota está agora no tellado do BNG, que debe optar polo diálogo e o consenso para chegar a acordos e esquecerse da súa postura radical de querer todo para eles”. Neste senso afirman que “a veciñanza debe estar por riba das siglas e o desgoberno actual do Partido Popular está causando estragos na vila”. Neste mesmo pleno as e os socialistas volveron a ofrecer a solución dun pacto de goberno, ante unha apelación do rexedor ao PSOE para levar a cabo a moción de censura, unha vez que non foi capaz de aprobar as súas iniciativas.

“O pleno municipal de onte amosou unha vez máis que o PP non é quen de dirixir o consistorio”, afirma Germán García-Ávila, que tamén apunta que “onte mesmo puidemos comprobar que non teñen proxecto e que arrastran déficit dun ano para outro”. O goberno local levaba ao pleno un incremento de numerosas taxas, que as e os socialistas consideran “excesivas”, así como unha modificación extraxudicial de crédito para pagar facturas de 2024, algo que xa fixeron o ano pasado para pagar débedas de 2023.