Cine Club Carballiño comeza o vindeiro domingo 26 de xaneiro coa súa ‘Filmoteca’, un ciclo que levan a cabo grazas á colaboración entre a Federación de Cine Clubs de Galicia e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta, e que lles permite completar a programación habitual dos venres pola tarde-noite con unha serie de películas recentes que proxectarán os domingos, en sesións ás 19,00 horas, sempre e cando a utilización do Auditorio Manuel María do Carballiño o permita. Para estes meses de xaneiro, febreiro e marzo veñen de seleccionar cinco películas de diferentes nacionalidades, comenzando o devandito día 26 cunha das mellores películas españolas da tempada, “Los destellos”, último filme de Pilar Palomero, con catro nominacións nos premios Goya.
O ciclo continuará o 2 de febreiro coa comedia arxentina “Puan”, protagonizada por Marcelo Subiotto (premio á mellor interpretación protagonista no Festival de San Sebastián) eLeonardo Sbaraglia, e que está nominada aos Premios Goya á mellor película iberoamericana. Para pechar febreiro, o día 16 proxectará Cine Club a última película estreada polo director iraní Jafar Panahi, “Los osos no existen”, Premio especial do Xurado no Festival de Venecia.
Xa en marzo, no ciclo ‘Filmoteca’ ofreceranse outros dous filmes, o día 2, “Nuestro día”, de Hong Sang-soo, o gran poeta das pequenas cousas e a beleza do cotidiano, pechando o día 30 coa película francesa “El último verano”, de Catherine Breillat, gañadora do premio especial do Xurado no Festival de Gijón, con catro nominacións nos premios da academia francesa, os César, e nominada tamén á Palma de Ouro no Festival de Cannes. A programación de ‘Filmoteca’ terá continuidade ao longo do ano, con datas e filmes que Cine Club anunciará no seu momento.