Espazo Común recurre a aprobación da mesa de contratación para adxudicar o servizo integral da auga

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Espazo Común vén de interpoñer un recurso de reposición contra o acordo adoptado pola Corporación Municipal do Carballiño na sesión plenaria celebrada o 19 de decembro pasado, referido ao expediente de designación dos membros da mesa de contratación para a concesión do servizo do ciclo integral da auga, que contempla a xestión das redes de abastecemento e saneamento para os vindeiros 25 anos. Según se expresa no documento presentado polo voceiro deste grupo político da Corporación, Adolfo Nogueira, o devandito acordo vulnera o artigo 1 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, que “garante que a contratación do sector público se axuste ós principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos entre outros”.

En opinión de Espazo Común, coa composición desta mesa de contratación, “védase o exercicio do principios de transparencia e control nun trámite tan esencial do procedemento de contratación como é o  do exame , valoración, cualificación das proposicións e conseguinte proposta de adxudicación”. Dende esta formación política apúntase que, “sen máis explicacións nin argumentos cá súa maioría absoluta conxunta, botaron abaixo un acordo previo de toda a Corporación para a composición da mesa de contratación que supervisará o proceso de adxudicación do contrato do ciclo integral da auga para os vindeiros 20 anos”. Asemade, fan referencia a que esta concesión supón “un montante total que pode achegarse aos 60 millóns de euros, que o convirte no máis importante da historia desta institución e, polo tanto, trátase dunha decisión na que non se pode errar e que ten que ser o máis consensuada posible”.

Por outra banda, en Espazo Comón consideran que “aínda máis preocupante resulta a composición final con maioría de técnicos da Deputación de Ourense, a proposta do tenente de alcalde Pepe Castro, e que levou a Fumega a baixar os pantalóns ante os seus socios e contradicir o que él mesmo afirmara sobre a participación de todos e a transparencia no proceso”.