A actriz carballiñesa Josi Lage lánzase a unha nova aventura teatral internacional. En pouco tempo cruzará o Atlántico percorrendo difentes lugares da Arxentina, impartindo obradoiros de teatro e clases maxistrais, e, ao mesmo tempo, comezará os ensaios para unha nova montaxe teatral coa compañía de teatro Bola 8, de Arxentina, que a convidou como actriz protagonista para o seu seguinte e novo espectáculo.
“Este é un soño que se fai realidade despois dunha carreira profesional de máis de 30 anos de perseverencia e tenacidade, e de moito amor pola profesión”, coméntanos a actriz nada en Arcos, a parroquia do Carballiño que foi berce das pulpeiras e dos pulpeiros recoñecidos internacionalmente. E engade que “recibir esta proposta para unha montaxe de elencos de dous países con tanta historia teatral coma son España e Arxentina éncheme a alma”.
O traballo de produción comezará en Bós Aires, na localidade de Escobar onde o grupo Bola 8 posúe a súa sala de teatro ‘Ensueños’. “Para nós, recibir a visita dunha gran actriz e mellor persoa como Josi Lage é unha honra, xa que tódalas súas obras desbordan talento e carisma”, apunta Gabriel Faversani, director de Bola 8 e da sala ‘Ensueños’. E lembra que “o último traballo de Josi Lage, a obra “Almar”, que foi representada na Arxentina, Uruguay e Chile, país onde tivemos a oportunidade de velo, tivo excelentes resultados de público e crítica, e foi moi ben recibido e aplaudido”. Faversani conclúe que “sen dúbida, será unha gran experiencia levar a cabo este proxecto, que poderá verse en América, España e noutros lugares de Europa”.