
A Concellería de Servizos Públicos e Xardíns do Carballiño vén de anunciar que este venres, 24 de xaneiro, procederase á apertura do parque de xogos infantís da Alameda, despois de rematadas as obras de acondicionamento promovidas por este departamento municipal que dirixe Rosa Fuentes, que supervisou os traballos de mellora na compaña de Alberto Otero, concelleiro delegado de Seguridade.
Estas obras supuxeron un investimento aproximado de 38.000 euros e consistiron na reposición do pavimento de caucho na zona multixogos non cuberta, ademais da colocación de céspede artificial na cancha de fútbol, recinto que en breve disporá dunha nova rede de protección. Dende a área municipal de Servizos Públicos tamén se anunciou que. nos vindeiros días, está previsto o inicio das obras de reparación do parque infantil da Toscaña.