O Carballiño e O Ribeiro promocionan en FITUR os seus recursos naturais baixo o lema “O corazón termal de Galicia”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os recursos termais do Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño son o mellor escaparate para a promoción turística dos 19 concellos destas dúas comarcas e dos outros dos municipios limítrofes da provincia de Ourense que están integrados (Pontedeva e Toén), ao abeiro do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR-12). Así foi presentado hoxe na Feira Internacional de Turismo (FITUR) baixo o lema “O corazón termal de Galicia”, en referencia a un territorio pode presumir das surxencias mineromedicinais existentes e dos centros termais situados en Arnoia, Cortegada, Laias (Cenlle), Prexigueiro (Ribadavia) e As Caldas e Gran Balneario (O Carballiño), cunha importante afluencia ao longo de todo o ano. No caso de Leiro, o balneario existente na parroquia de Berán está pendente de adxudicar a súa explotación, mentres en Boborás hai un proxecto en marcha para As Caldas de Brués.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A importancia desta riqueza termal no territorio de ambas comarcas, e que é única en Galicia, foi destacada polo presidente do Xeodestino, Francisco José Fernández, tamén alcalde de Leiro, que estivo acompañado na presentación polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o responsable da área de Turismo e Termalismo na Deputación, Rosendo Fernández, e o director de Expourense, Rogelio Martínez. O xerente deste organismo fixo mención da feira Termatalia, “que non se pode comprender sen a presencia deste Xeodestino, froito da colaboración estreita entre dúas comarcas”, unha colaboración que tamén foi resaltada por Pardo e Fernández, nun acto no que estiveron presentes alcaldes e representantes dos concellos das dúas comarcas.

Unha ampla zona, a deste Xeodestino, que se verá beneficiada polos 1,5 millóns de euros para a xestión dun Plan de Sostibilidade Turística, que terá como principal obxectivo a restauración medioambiental daqueles espazos de interese para os visitantes. Un plan semellante ao que levará a cabo O Carballiño, cun millón de euros neste caso, e coa enogastronomía ao redor do pulpo como eixo fundamental e cos seus complementos principais, que son, entre outros, o viño do Ribeiro e o pan de Cea.