O alcalde de Ribadavia, César Fernández, foi nomeado presidente da “Rede Española de Xuderías. Camiños de Sefarad” nun acto celebrado no Stand de Galicia en FITUR. Fernández liderará esta asociación durante o 2025, un ano especialmente significativo ao coincidir co 30 aniversario da súa creación. A Rede Española de Xuderías é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa desde 1995 para preservar e difundir o legado histórico e cultural das comunidades sefardís en España. Formada por 21 cidades, entre as que están Tui, Monforte de Lemos, Toledo, Córdoba, Plasencia, Segovia… a asociación busca consolidar o turismo cultural e histórico vinculado ao patrimonio xudeu.
Na súa intervención, César Fernández subliñou a importancia de fortalecer os lazos internacionais da Rede mediante colaboracións con outras entidades culturais similares noutros países. Ademais, destacou o seu compromiso para promover iniciativas que potencien a visibilidade de Ribadavia e o resto das localidades da Rede como destinos clave do itinerario sefardí, co obxectivo de atraer máis visitantes e xerar un impacto económico positivo. Esta é a segunda vez que Ribadavia lidera a presidencia da asociación, tras o seu mandato no ano 2010. Nos últimos anos, a vila destacou pola súa implicación na conservación e divulgación do seu patrimonio xudeu, consolidándose como un membro relevante dentro da Rede.
O traspaso de poderes realizouse no marco de FITUR, coa presenza do presidente saínte e alcalde de Plasencia, Fernando Pizarro, quen destacou o traballo colaborativo das cidades membros da Rede e desexou éxito ao novo presidente no seu mandato. Durante este traspaso de mandato tamén estiveron presentes o Xerente da Rede Española de Xuderías, Iñaki Echeveste Calzada; así como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que se atopaba en FITUR encabezando a delegación da provincia ourensá nesta feira.
O inicio desta nova etapa tamén coincide coa incorporación dun novo xerente na Rede e coa aprobación dun plan estratéxico renovado, deseñado para elevar os estándares de calidade e reforzar a proxección internacional das cidades que integran a entidade. César Fernández afronta este reto con ambición e determinación, establecendo como prioridade a promoción do turismo cultural e o posicionamento de Ribadavia e outras cidades da Rede como referentes do legado sefardí en España e no mundo.