O Concello de Ribadavia e o municipio de Colón, en Querétaro, México, asinaron hoxe unha carta de intención para un irmandamento entre ambas localidades. Este acordo ten como obxectivo principal fortalecer a cooperación cultural, académica e económica entre ambas localidades, cun enfoque especial no sector vitivinícola e o turismo enogastronómico, actividades que unen e definen as identidades de ambos territorios.
Colón, municipio situado no estado mexicano de Querétaro, sitúase no centro de México e moi preto da súa capital. Coma no caso de Ribadavia, destaca a súa riqueza hidrográfica, xa que o municipio está atravesado por numerosos regatos que logo forman unha gran cunca, a do Lerma-Santiago. Así mesmo, con Ribadavia comparte tamén a tradición de terra de viño. Na rexión de Querétaro son coñecidos por cultivar unha ampla variedade de uvas que collen do territorio local unhas características únicas. Entre as variedades máis sementadas no Valle de Colón están a Malbec, Cabernet Sauvignon, Merlot, Syrah, Tempranillo, Chardonnay e a Sauvignon Blanc, entre outras. Colón é, ademais, a única poboación de México que leva o nome do descobridor de América.
Baseándose nas ricas tradicións vitivinícolas que comparten, fundamentais no desenvolvemento local de ambas, Ribadavia e Colón comprométense a traballar conxuntamente en diversas iniciativas. Entre elas, destaca a creación de programas educativos innovadores no ámbito vitivinícola en colaboración con institucións como o IES O Ribeiro, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, así como entidades educativas en Querétaro. Ademais, acordan promover intercambios para que estudantes, técnicos e produtores vitivinícolas de Colón poidan capacitarse en Galicia, aproveitando a experiencia e o liderado de Ribadavia neste sector, según de recolle no documento asinado hoxe.